17 septiembre, 2021
A primeira exposición “Galicia na miña pintura” de Rosa Crespo, inaugúrase hoxe e poderá visitarse ata o 3 de outubro
Carmela Silva: “Debemos democratizar a cultura e isto pasa por dispoñer de espazos onde a xente das artes plásticas poida expoñer toda a súa creatividade”
Tras ano e medio de pandemia a sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, reabre as súas portas este venres con tres mostras xa pechadas entre setembro e decembro e ata 18 solicitudes. “Debemos democratizar a cultura e isto pasa tamén por dispoñer de espazos onde a xente que se dedica ás artes plásticas poida expoñer toda a súa creatividade” subliñou Carmela Silva ao anunciar a reapertura do espazo.
A volta á actividade da sala de exposicións do Palacete das Mendoza traerá consigo a posta en marcha de itinerarios definidos e adaptados ás normas de prevención da covid-19 e cun aforo máximo permitido de ata 20 persoas. O que non cambiará será o procedemento para optar ao espazo, que será por rigorosa orde de solicitude.
“Galicia na miña pintura” de Rosa Crespo, poderá visitarse desde hoxe no Palacete ata o 3 de outubro e terá como protagonista á camelia. Crespo, nada en Brasil pero residente en Marín dende o ano de idade, estudou na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra, especializándose en Pintura e Escultura. A súa obra está chea de cores intensas e, na procura da reprodución da aparencia da realidade, a artista traballa de maneira especial a representación da camelia da que é unha grande cultivadora. Amais das naturezas mortas, as súas pinturas tamén abordan a paisaxe, concretamente a galega, cunha grande harmonía e riqueza de matices.
Están xa programadas outras dúas mostras de pintura neste último trimestre de 2021 que protagonizarán Juan Carlos Codeside, entre o 22 de outubro e o 7 de novembro, e Julia Barreiro, entre o 19 de novembro e o 5 de decembro.
Alerta