13 diciembre, 2021
A tradicional carreira de fin de ano organizada pola Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes abrirá esta medianoite o prazo de inscricións, a través do sitio www.sgpontevedra.com
Esta XXXVIII edición do evento desenvolverase a partir das 10:30 horas do 31 de decembro con saídas de grupos de 150 persoas cada 20 minutos, ata un máximo de 2.550 participantes
Trala insólita e positiva experiencia da ‘Rara, pero San Silvestre’ de 2020, a tradicional Carreira San Silvestre regresa este Fin de Ano máis silvestre que nunca, cun percorrido que se despraza das rúas do centro urbano ao contorno campestre da Xunqueira de Alba. Por segundo ano consecutivo, a Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde logran superarse e sobrepoñerse ás dificultades, organizando o grande evento deportivo do Nadal na nosa cidade en plena pandemia, nunha versión que nada ten que ver coa separación xeográfica dos percorridos da estrana edición pasada e que, ao tempo que segue a priorizar a seguridade e a saúde dos pontevedreses, achégase de novo ao seu formato orixinal.
Así, a ‘clásica’ do 31 de decembro, que foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto protagonizado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta da Ximnástica, Charo Castro, e o director deportivo da proba, Víctor Riobó, desenvolverase nun circuíto duns 2.900 metros completamente pechado ao tráfico, alonxado do casco urbano, polos camiños da Xunqueira, evitando as aglomeracións de público. Ademais, as saídas serán divididas en diferentes horarios e estableceuse un número reducido de persoas por grupo: serán saídas consecutivas de 150 persoas cada 20 minutos, sendo a primeira ás 10:30 horas e a última ás 17:40 horas, cun máximo de 2.550 participantes.
“Da ‘Rara, pero San Silvestre’ pasamos neste 2021 á ‘San Silvestre máis Silvestre’, menos rara que a anterior, pero xa lle chega! O percorrido pola Xunqueira de Alba lévanos a un ambiente máis natural e campestre, algo que se reflicte no logotipo da bolboreta escollido para esta XXXVIII edición da carreira. O colorido do insecto lémbranos a esencia festiva que trae consigo tódolos anos a San Silvestre de Pontevedra, que non queremos que se perda nunca, e polo tanto agardamos que os corredores enchan esta nova localización de ruído, música, festa e cor”, asegurou o concelleiro Tino Fernández.
A Sociedade Ximnástica e o Concello abrirán a partir desta medianoite, e ata as 23:59 horas do 26 de decembro, o prazo de inscricións para participar na carreira, que poderán tramitarse a través da páxina web www.sgpontevedra.com. Cada persoa poderá escoller a hora na que quere saír, sendo posible compartir este horario con outros inscritos, no caso de que queiran participar en grupo, (os horarios deberán cumprirse de xeito rigoroso). Os participantes menores de idade terán que inscribirse a cargo dos seus titores/as legais, que terán que estar pendentes deles durante toda a proba.
Alerta