27 octubre, 2023
O PPdeG creará unha Comisión de Xustiza e Interior para abordar os problemas de seguridade en Galicia e seguirá demandando ao Goberno central o incremento do número de efectivos policiais
● “Levamos anos reclamando que se cumpran as rateos e que se modifique o catálogo para poder contar tamén con máis persoal na Unidade de Policía Adscrita e o único que obtivemos por parte do Goberno central foron falsas promesas”, denuncia Paula Prado.
● Os 13 deputados do PPdeG no Congreso veñen de rexistrar unha pregunta ao Goberno central sobre as previsións de dotar de máis efectivos á UPA: “Queremos saber con certeza cando ten previsto facelo e cantos efectivos destinará á nosa Comunidade”.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anunciou hoxe que nas próximas semanas se constituirá a Comisión de Xustiza e Interior da súa formación co obxectivo de que as cuestións relativas á seguridade en Galicia conten cun “laboratorio de ideas” onde membros do partido e persoas expertas mostren os seus puntos de vista, se poidan trasladar á sociedade e materializarse en medidas.
Un anuncio que fixo esta mañá na sede dos populares galegos en Santiago de Compostela, onde mantivo unha reunión con representantes da Confederación Española de Policía (CEP) en Galicia na que estivo acompañada pola deputada e voceira nacional de Interior do Partido Popular, Ana Vázquez.
“Levamos anos reclamando máis efectivos policiais para Galicia, pedindo que se cumpran as rateos e que se modifique o catálogo para poder contar tamén con máis persoal na Unidade de Policía Adscrita”, sinalou a número dous do PPdeG ao tempo que denunciaba que o único que obtiveron por parte do Goberno ao longo neste sentido foron “falsas promesas”. Neste sentido concluíu: “Canto máis Sánchez, menos Galicia”.
Aproveitando a presenza da deputada nacional Ana Vázquez, Paula Prado anunciou ademais que os 13 deputados galegos no Congreso veñen de rexistrar unha pregunta ao Goberno central sobre as previsións de dotar de máis efectivos á UPA. “Queremos saber con certeza cando ten previsto facelo e cantos efectivos
destinará á nosa Comunidade”, explicou.
Cómpre sinalar que logo de rexistrar máximos históricos durante o Goberno de Mariano Rajoy, a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa supuxo un descenso drástico no persoal da Policía Adscrita ata chegar a números mínimos: dos 404 efectivos que había en 2018, a día de hoxe tan só hai 355.
A CEP DENUNCIA FALTA DE PERSOAL E DE MEDIOS
Pola súa banda, o responsable en Galicia da Confederación Española de Policía (CEP), Agustín Vigo, quixo agradecer ao PPdeG a oportunidade de poder trasladarlle os problemas de seguridade que existen actualmente en Galicia, así
como as cuestións que afectan directamente aos corpos policiais.
Nese sentido puxo de manifesto a falta de persoal e de medios que sofren. Unha situación que se agrava tendo en conta o nivel de alerta antiterrorista no que se atopa España: “En moitos casos nós mesmos temos que poñer diñeiro do noso peto para dotarnos deses medios, porque en portos e aeroportos non dispoñemos nin dos chalecos adecuados”.
Denunciou así mesmo as 33 agresións sufridas por membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Galicia, pedindo unha lexislación que garanta a súa seguridade e protección. Recordando ao respecto que Pedro Sánchez e Yolanda Díaz anunciaron esta mesma semana a súa intención de reformar a Lei de Seguridade Cidadá.
Alerta