29 octubre, 2021
Costas do Estado confirmou a Alberto Varela que xa se está tramitando o expediente económico para adxudicar os traballos a Tragsa.
A confirmación chega tras as xestións realizadas nos últimos meses polo executivo socialista en Madrid, e foi comunicada onte á oposición durante o Pleno.
O paseo marítimo entre Vilagarcía e Carril estará completamente reformado e presentará unha imaxe uniforme o vindeiro ano grazas á execución da segunda fase da obra de remodelación que se iniciará no mes de xaneiro. O alcalde, Alberto Varela dou a coñecer a noticia no Pleno de onte, tras ter confirmado por parte de Costas do Estado que xa se está tramitando o expediente económico para adxudicar os traballos a Tragsa, a empresa pública que se encargou da execución da primeira fase, así como a previsión que teñen para comezar os traballos.
Con esta actuación, Costas completará o proxecto de reforma integral do paseo marítimo iniciada en 2017 para solventar o grave deterioro que sufría o solado de losetas de pizarra do paseo, e os problemas de accesibilidade que provocaba para os peóns, así como o elevado custe de mantemento que tiña para o Concello.
A primeira fase do proxecto rematou na primavera de 2018 e afectou aos extremos do paseo: os tramos comprendidos entre a praia da Concha e o balneario da Compostela por un lado, e dende Carril ata o lavadoiro polo outro. O tramo intermedio, o que vai dende o lavadoiro ata o balneario, ía a executarse a continuación, pero tivo que aprazarse por problemas orzamentarios imprevistos debido ao desvío de fondos de Costas a paliar os graves danos dos temporais sufridos ese ano na zona de Levante primeiro, e despois pola crise sanitaria.
Para axilizar o investimento, o alcalde de Vilagarcía realizou nos últimos meses varias xestións ante os diferentes responsables de Costas, a última nunha entrevista celebrada en Madrid á que tamén asistiu a concelleira de Urbanismo e Mobilidade. Neste momento, os responsables ministeriais comprometéronse a rematar a obra pero non foi ata esta mesma semana cando confirmaron que o expediente xa está en trámite para a inmediata adxudicación. Froito deste anuncio no Pleno de onte, o grupo municipal do PP retirou unha moción que tiña presentado sobre o asunto.
Así as cousas, en xaneiro dará comezo a obra que completará a segunda fase da reforma integral do paseo marítimo. Os traballos seguirán os criterios e características da primeira fase, polo que as lousas de pizarra que se levantaban e rompían creando obstáculos e riscos de tropezóns e caídas para os peóns, substituirase polo pavimento de formigón coloreado similar ao que xa hai nos outros dous tramos do paseo e que tantas boas criticas tivo por parte dos usuarios que camiñan a diario por este transitada zona de paseo.
A reforma integral do paseo marítimo foi unha obra que o Concello de Vilagarcía conseguiu que financiase integramente Costas do Estado.
Alerta