Foro. Fonte: Deputación
6 octubre, 2021
Carmela Silva: “O mundo local ten tomado decisións revolucionarias porque ve ao espazo público como un dereito tan importante como a Sanidade, a Educación o a Igualdade”.
“A cogobernanza é difícil se o poder se entende como o exercizo do poder, e moi sinxela, cando se considera como o traballo de perseguir e lograr o ben común“.
“Na Deputación de Pontevedra sacamos adiante tódolos proxectos pactando cos 61 Concellos da Provincia”.
O modelo transformador da Deputación de Pontevedra, que pasa pola recuperación do espazo público para as persoas como un dos motores para o impulso económico, a cohesión social e a igualdade no ámbito dunha recuperación económica xusta, ocupou a primeira das mesas de alto nivel do I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais, que se está a celebrar en Sevilla e que hoxe inaugurou o Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, tomou parte na mesa sobre Transición Ecolóxica e Modelo de Cidade e reivindicou o papel imprescindible da Administración Local como principal axente para o cambio nas contornas urbanas a partir da toma de “decisións revolucionarias”.
Carmela Silva, que está en Sevilla acompañada polos Deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e Mobilidade, Uxío Benítez, definiuse como unha “política polémica”, entendendo este concepto como a necesaria valentía para levar a cabo as transformacións que a sociedade demanda ás Administracións Públicas. “As persoas deben estar no centro de todo e os discursos deben cambiar”. Durante a súa intervención criticou as concepcións laxas sobre a cogobernanza e reivindicou o principio de subsidiariedade: “é no mundo local onde ocorre todo, onde se desenvolve a economía, onde se prestan os servizos, onde están os equipamentos que garanten a calidade de vida”. “O mundo local toma decisións que moitas veces se ven entorpecidas polas competencias autonómicas e mesmo polas estatais e europeas, así que resulta imprescindible que a cogobernanza pase pola subsidiariedade para que cada Administración faga aquilo que mellor sabe facer”.
Durante o diálogo, no que tamén tomaron parte María José Rallo, Secretaria Xeral de Transporte do Ministerio de Transportes; María Pappas, tesoureira do condado de Cook, en Chicago-Illinois; Arcadi España, Conselleiro de Política Territorial da Generalitat Valenciana; Francisco Oliva, Reitor da Universidade Sevillana Pablo de Olavide; Inés Sánchez, Directora da Cátedra Unesco de Xénero da Universidade Politécnica de Madrid e Antonio Serrano, economista, a Presidenta da Deputación defendeu o papel que están a xogar os Concellos de toda España: “ocórrenseme moitos exemplos de transformación e todos son locais; dende o local téñense tomado decisións revolucionarias porque se ve ao espazo público como un dereito tan importante como a Sanidade, a Educación ou a Igualdade. É nese espazo público onde a xente se relaciona e socializa, recuperando ámbitos e lugares que estaban tomados polos vehículos a motor, vehículos que non só ocupaban o espazo, senón que xeraban enfermidades”.
Carmela Silva insistiu en que a cogobernanza resulta difícil “cando se entende o poder como o simple exercizo do poder, pero resulta sinxela cando se entende como o traballo de perseguir e lograr o ben común”. Neste senso reivindicou o cambio producido na Deputación de Pontevedra “que pon en marcha tódolos proxectos de transformación ecolóxica, igualdade, dixitalización e cohesión social pactando cos 61 concellos da provincia. É unha cuestión de vontade e de comprender que temos un reto moi grande por diante”. Engadiu que cando se funciona deste xeito, “as nenas e nenos recuperan a cidade como espazo de xogos, os maiores e dependentes deixan de estar recluídos nos seus domicilios e as mulleres, “que seguen a soportar case en exclusiva a carga dos coidados”, atopan rúas e prazas pensadas para elas“.
A Presidenta da Institución Provincial recalcou, dende a experiencia, na necesidade de fuxir dos conceptos teóricos sobre os distintos niveis da Administración e pasar á práctica, especialmente nos momentos que estamos a vivir, afondando no concepto de gobernanza en favor dos Gobernos Locais. Finalmente, reivindicou que é precisamente nesta etapa de recuperación trala pandemia cando que, por primeira vez, está a terse en conta ao mundo local, como demostra o feito de que está a terse en conta a voz dos Concellos e das Deputacións na xestión dos fondos europeos Next Generation.