A Universidad Intercontinental de la Empresa, promovida por Afundación, inicia a súa andaina

Compartir
Escudo Oficial de la Universidad
Escudo Oficial, Universidad Intercontinental de la Empresa

UIE nace co compromiso de ser unha universidade de calidade e innovadora para beneficio de Galicia

Como presidente da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa (FUIE), Miguel Ángel Escotet agradece ao Parlamento de Galicia a súa confianza nun proxecto «que vén sumar e diversificar a educación universitaria e postuniversitaria» 

A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), promovida por Afundación, inicia a súa andaina despois de que o Parlamento de Galicia aprobase hoxe a súa lei de recoñecemento, e faino coa determinación de empezar a súa actividade no curso 2022-2023. O presidente de Afundación e da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa, Miguel Ángel Escotet, agradece a confianza da cámara galega, en representación dos cidadáns e cidadás, nun proxecto que «vén sumar e diversificar a educación universitaria e postuniversitaria en Galicia» e subliña que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro, de servizo público e xestión privada «que centrará todos os seus esforzos nos estudantes e na sociedade galega. Así, a UIE será fiel ao lema do seu escudo: cognitio, innovatio, ductus (coñecemento, innovación, liderado)».

 

UIE, unha das primeiras universidades a nivel internacional especializada na empresa, nace co compromiso de ser «unha universidade de calidade e innovadora, orientada á creación de valor económico, social e cultural para Galicia». Como un proxecto estratéxico de responsabilidade social corporativa e institucional de ABANCA e Afundación, financiada exclusivamente cos seus propios recursos, os seus beneficios reinvestiranse completamente na institución e ata o 25 % dos seus estudantes gozará de bolsas, dando prioridade a persoas con talento e baixo nivel de renda.

 

O seu obxectivo é converterse nunha institución universitaria de prestixio, tanto polos seus programas como pola excelencia na formación, investigación e a empregabilidade e desenvolvemento profesional dos seus estudantes, que adquirirán unha formación tecnolóxica de vangarda nun contorno multinacional e plurilingüe. UIE será unha alternativa para que os universitarios galegos que cursan os seus estudos de grao e posgraduado noutras comunidades permanezan na comunidade. Ademais, será un foco de atracción para estudantes de fóra de Galicia.

 

UIE avanzará na internacionalización, consolidando e ampliando as súas alianzas xa existentes coas outras institucións de educación superior no mundo, buscando o rigor académico. Un espírito de colaboración que traslada, así mesmo, ás tres universidades galegas, co ánimo de sumar, e contribuír ao fortalecemento da sociedade científica e profesional de Galicia.

 

de UIE, altamente especializado, preséntase como un innovador modelo académico e de ensino-aprendizaxe. A súa oferta formativa, constituída por graos interdisciplinares e especialidades tecnolóxicas e empresariais, deseñouse conforme ás necesidades profesionais a 5, 10 e 15 anos vista, atendendo a filosofía da educación ao longo da vida. Dentro dun modelo curricular que combina os sistemas de educación superior europeo (Boloña) e anglosaxón, os seus programas constarán de áreas científico-tecnolóxicas, administrativas e de procesos, aplicadas á empresa pública e privada e áreas de xestión dixital, ciencias aplicadas á sostibilidade, intelixencia artificial, neurowork, robótica do desenvolvemento e tecnoloxía de datos. Unha oferta formativa complementaria e non competitiva, e unha investigación especializada.

 

A sostibilidade, a dixitalización e a transición ecolóxica serán os seus eixes vertebradores. Unha orientación ética e social que se incorpora ao currículo académico, cunha aprendizaxe servizo e un modelo baseado na personalización da formación e no mentoring. En palabras de Miguel Ángel Escotet, «unha universidade para a innovación, que permita unha vigorosa capacidade de creación, investigación e cambio; e unha universidade para o ser humano, orientada ao progreso científico-tecnolóxico, cultural e socioeconómico e centrada no servizo da persoa e o seu hábitat».

 

UIE consolidará o liderado en formación universitaria en dirección e administración de empresas e os vínculos construídos desde 1987, durante máis de 30 anos, polo seu xermolo, IESIDE, co sistema empresarial galego, reducindo a fenda entre empresa e universidade. Así mesmo, será unha institución que xerará valor económico e social, desde un sentido ético, creando emprego directo, mellorando a empregabilidade dos seus estudantes e contribuíndo ao desenvolvemento humano e económico de Galicia. En suma, unha universidade para o pensamento democrático, para a innovación e creación, e para o desenvolvemento da persoa e o seu medio. Unha universidade ancorada no futuro.