A Vida é Movernos e Getting Jiggy traen á cidade ao prestixioso coreógrafo e bailarín, Rafa Méndez, para impartir uns exclusivos workshops

Compartir
Rafa Méndez. Fonte: Concello

O capitán do programa The Dancer, de TVE, estará o sábado 13 de novembro no pavillón do Príncipe Felipe para protagonizar unha aula coreográfica de nivel intermedio/avanzado.

Os interesados en participar na clase, que ten un custe de 35 €, poden realizar as inscricións a través do teléfono da escola (687 67 54 89) ou do correo electrónico gettingjiggy.info@gmail.com

 

 

O prestixioso coreógrafo e bailarín canario Rafa Méndez, coñecido pola súa participación como profesor no programa de televisión de Cuatro ‘Fama, ¡a bailar!’ e actual capitán en The Dance, de TVE, estará en Pontevedra o vindeiro sábado 13 de novembro para impartir uns exclusivos workshops no pavillón do Príncipe Felipe, e no local da escola Getting Jiggy Dance Studio. As aulas protagonizadas por Méndez, que traballou para artistas da talla de Geri Halliwell, Tiziano Ferro, Patricia Manterola, Luca Tommassini, Melody, Atomic Kitten, Holly Valance ou Eric Prydz e que foi coreógrafo da cadea musical MTV Internacional, serán de tipo coreográfico, cun nivel intermedio/avanzado, e están destinadas a xente de calquera idade, xa se trate de profesionais e semiprofesionais ou de alumnos e alumnas que queiran seguir ampliando a súa experiencia e formación.

 

Cartel Rafa Méndez. Fonte: Concello

 

Segundo explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, a clase que se celebrará no pavillón do Príncipe Felipe, organizada polo programa A Vida é Movernos en colaboración con Getting Jiggy, “estará aberto ao público, dará comezo ás 11:30 horas, terá unha duración dunha hora e media (ata as 13:00 horas) e poderán participar na mesma unhas 60 persoas, permitíndose ademais que a cidadanía que queira asistir a poida seguir desde as bancadas”. “Todos aqueles que queiran tomar parte no workshop poderán inscribirse a través do teléfono do estudo de danza, (687 67 54 89), ou da dirección de correo electrónico gettingjiggy.info@gmail.com. O prezo do workshop é de 35 euros por persoa”, sinala o edil socialista.

O segundo dos workshops impartidos por Rafa Méndez desenvolverase pola tarde e irá destinado ao alumnado de Getting Jiggy Dance Studio, que coordina a bailarina e coreógrafa Verónica Aboy.

O propio Rafa Méndez realizou un pequeno vídeo promocional difundido en redes sociais no que avanza: “Boas, pois aquí estou, queda moi pouco para vernos en Pontevedra e non sabes a ilusión que me fai, así que non o podes perder. Lembra: primeiro no pavillón, no Príncipe Felipe, e logo, pola tarde, estarei no centro de danza de Getting Jiggy, así que nos vemos alí. Teño que agradecer por suposto á Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde e ao tenente de alcalde, Tino Fernández. Un bico a todos, vémonos moi pronto Pontevedra. Véxote alí. Lembra, 13 de novembro”.