17 noviembre, 2021
Esta primeira edición do Galidance Intensive, organizada pola Concellería de Deportes e a escola de danza Plié Dance School, celebrarase durante os días 27, 28 e 29 de decembro.
Desenvolveranse catro workshops diarios de hora e media impartidos por Dii Feeling, Carlos Díaz, Albert Sala, Marthe Vangeel, Duki, Evelio, Jana Feeling, Safu, Oriana Meléndez e Javi Berga.
Aínda coa mel da clase maxistral ofrecida polo carismático Rafa Méndez nos beizos, o proxecto A Vida é Movernos volve anunciar un novo taller de danza urbana para pechar este 2021 cheo de actividades e talleres para tódolos gustos e idades: a Navidance Week, organizado dentro do programa da Concellería de Deportes en colaboración coa escola Plié Dance School. Trátase da primeira edición do evento Galidance Intensive, (Galicia International Urban Dance Camp), que acollerá Pontevedra, desenvolvéndose baixo teito, (en principio, as instalacións do Recinto Feiral), os días 27, 28 e 29 de decembro con catro workshops diarios de hora e media de duración impartidos por profesores recoñecidos a nivel nacional e internacional.
Así, entre os nomes propios que protagonizarán estas exclusivas 18 horas de formación figuran bailaríns e coreógrafos da talla de Dii Feeling (que bailou con artistas como Nathy Peluso ou Agoney e que ensinou no programa de televisión ‘Fama, ¡a bailar!’), Carlos Díaz (que competiu en campionatos internacionais de hip hop), Albert Sala (coreógrafo en programas como ‘Factor X UK, Dancing with the stars’ e ‘So you think you can dance’), Marthe Vangeel (compoñente da Scandalize Crew e reputada instrutora de dancehall), Duki (finalista da versión húngara de Got Talent), Evelio (concursante en The Dancer), Jana Feeling (destacada bailarina de hip hop), Safu ,que bailou xunto a artistas como Becky G, Anitta, Sebastián Yatra e Sweet California e participou en videoclips de C. Tangana, Rels B e Arón Piper, ademais de pasar por ‘Fama, ¡a bailar!’), Oriana Meléndez (concursante de ‘Fama, ¡a bailar!), e Javi Berga (The Voice Spain, Becky G…).
As aulas maxistrais do Navidance Week foron presentadas esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a directora de Plié Dance School, Pilar Torelli, e a co-directora da escola, Milena Torelli, que estiveron acompañados por un grupo de rapazas de formación profesional da mesma. Tal e como subliñou o edil do PSOE, “é a primeira vez que se organiza un evento destas características en Pontevedra, cun ‘dream team’ de mestres de danza e coreógrafos que, ademais de contar con recoñecemento nacional e internacional, teñen o respaldo dunha marea de milleiros de fans nas súas redes sociais (@ssssafu, @evelioxnc, @marthevg, @javi_berga, @carlos.diaz.gandia…), polo que a promoción e o impacto destes workshops entre a comunidade da danza urbana están máis que garantidos”.
Tino Fernández sinalou que, despois de organizar con moito éxito talleres de ioga, pilates, bodyfulness, risoterapia, hip hop, marcha nórdica, ximnasia na rúa ou percuterapia, “A Vida é Movernos segue dando pasos da man deste tipo de actividades que non son tan coñecidas e practicadas polo común da xente, pero que teñen un alto espectro de mercado, sobre todo entre a xente nova, como este evento de danza urbana que vai ser o que peche o calendario de 2021”. “A idea fundamental é que a xente se anime a saír ás rúas, a practicar exercicio físico, a ver deporte, a sorrir e volver desfrutar dos espazos públicos. Neste caso, por cuestións meteorolóxicas, por ser en decembro, decidimos facelo a cuberto”, explicou o socialista.
Alerta