A “Xeneración de Coronavirus” regresa ao IES de Valga para celebrar a sua graduación

Compartir
Graduación. Fonte: Concello

Os alumnos de Bacharelato que o ano pasado deixaron o centro reencontráronse cos seus compañeiros e mestres

“Mereciades poder celebrar este acto por todo o que traballastes”, destacou o Alcalde

 

Levan máis dun ano fóra do instituto, pero este mediodía regresaron para celebrar o que a pandemia lles impediu: a súa graduación de Bacharelato. A promoción 2018-2020 do IES de Valga, despediuse hoxe definitivamente da súa etapa nun centro no que pasaron seis anos, cun acto ao que asistiron familias, profesorado e tamén o Alcalde, José María Bello Maneiro, e a Concelleira de Educación, Carmen Gómez.

 

Escola de Música Municipal. Fonte: Concello

 

A cerimonia tivo lugar nas pistas deportivas do IES e foi presentada por Valeria Gómez, unha das 31 integrantes da “xeración do coronavirus”, como se referiron a si mesmos. Os alumnos recibiron, aínda que cun ano de retraso, os diplomas e os parabéns por teren superado esta etapa da súa vida académica a pesar da dificultade engadida da pandemia. “Erades merecedores deste acto por todo o que traballastes neses dous anos de Bacharelato e tamén nos anteriores”, dixo o alcalde durante a súa intervención, felicitando tanto aos estudantes coma ás súas familias, ao profesorado e á dirección do IES.

 

Graduación. Fonte: Concello

 

En representación do centro interviñeron Dolores Rego, que era a directora no curso 2019-20, e Eliseu Mera, actual director, que lles lembrou aos graduados que “o IES de Valga seguirá sendo a vosa casa durante toda a vida”. Tamén pasou polo micrófono Víctor González, profesor de Filosofía e padriño da promoción, aos que animou a “lanzarvos ao mundo con valentía e entusiasmo”.

 

Graduación. Foto: Concello

 

En nome do alumnado homenaxeado falaron Uxía Chan e Martín Calvo, que agradeceron ás súas familias e ao profesorado o seu apoio e ensinanzas. “Estamos orgullosos de compartir xeración cos nosos compañeiros, aos que recordaremos para sempre”, dixeron. Martín Calvo foi, ademais, un dos estudantes condecorado coma o mellor expediente na especialidade de Ciencias, xunto coa súa compañeira Laura Navarro -que non puido asistir á cerimonia- na rama de Humanidades e Ciencias Sociais.

 

Celebracicón graduación

 

O acto estivo amenizado pola Orquestra Clásica da Escola de Música Municipal, dirixida por Manuel Villar.