11 abril, 2025
A vila de Sober acolleu hoxe a inauguración da XLV edición da Feira do Viño de Amandi, unha cita emblemática da viticultura da Ribeira Sacra que este ano comeza cunha emotiva homenaxe á Adega Cividade, coincidindo co décimo aniversario do pasamento do seu fundador, José Verao Rodríguez.
Ao acto de apertura asistiron membros da adega homenaxeada, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. A inauguración marca o inicio dunha fin de semana dedicada ao viño, á tradición e á cultura.
Nesta edición están inscritas un total de 22 adegas pertencentes á subzona de Amandi, un dos territorios vitivinícolas máis recoñecidos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Como novidade, o Concello de Sober presenta unha nova imaxe da feira cunha carpa decorada cunha imaxe xigante da ribeira, simulando un miradoiro natural, e cunha completa renovación dos stands dos adegueiros e adegueiras participantes.
A programación do venres arranca coa actuación da batucada X de L ás 20:00 horas, seguida do concerto do grupo Louband ás 22:30 horas.
11:00 h: Apertura oficial dos stands de viño.
11:30 h: Actuación dun grupo de música tradicional, dentro do programa Tradigalu da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
12:30 h: Concerto da Banda de Música de Sober.
17:00 h: Comezo da Precata Oficial, na que se seleccionarán os mellores viños desta edición.
18:30 h: Animación co ritmo da batukada Baturruca.
21:30 h: Concerto da cantante Lucía Pérez, representante galega de Eurovisión en 2011.
23:00 h: Peche da xornada con música e festa a cargo da banda Gin Toni’s.
Alerta