10 septiembre, 2021
A Delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, explicou que a súa posta en marcha permitirá contratar a 172 persoas, de 11 municipios da comarca Viguesa
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a convocatoria de achegas, e está previsto que os talleres se poñan en marcha antes de finalizar o ano
Tres dos nove obradoiros ofrecen incentivos á contratación en empresas da contorna por un mínimo de 3 meses, o que axudará á inserción laboral de 42 persoas tras finalizar a súa etapa formativa
A Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou que o Goberno galego financiará con preto de 3 millóns de euros, nove obradoiros duais de emprego en 11 concellos da área territorial de Vigo, que suporán a contratación de 172 persoas.
Deste xeito, as persoas desempregadas que participen nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ademais, tres dos nove obradoiros ofrecen incentivos á contratación en empresas da zona, por un mínimo de 3 meses, o que axudará á inserción laboral de 42 persoas na comarca viguesa tras finalizar a súa etapa formativa.
Fernández-Tapias destacou así a tripla dimensión desta iniciativa, que fixa como obxectivo incrementar as oportunidades laborais dos Galegos e Galegas: mellorando a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolvendo actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e colaborando coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos Concellos.
Estes obradoiros, que está previsto se poñan en marcha antes de finalizar o ano, ofrecen formación e emprego a 20 persoas, que contarán cun contrato de traballo durante a súa participación na actividade e, ao finalizar etapa formativa, poderán acreditar as ensinanzas recibidas cun certificado de profesionalidade.
En concreto, segundo detallou, Gondomar promoverá xunto a Baiona e Nigrán a iniciativa Coidando Miñor; Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, compartirán o taller Sustentable; Cangas porá en marcha Granxa da Rúa; Moaña impulsará o Labora V; Redondela a segunda edición do Redondela Máis que Bela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porriño Labora; o Concello de Vigo contará cunha nova convocatoria do Vigo Capacita; Mos terá o taller Somos Mos; e a Mancomunidade de Vigo un obradoiro forestal nos montes Vigueses.
Tal que como lembrou a Delegada Territorial, estes obradoiros duais súmanse aos cinco talleres anunciados o pasado mes de xuño para formar a 80 mozos e mozas menores de 30 anos nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor, aos que o Executivo autonómico destina 1,8 millóns de euros na área territorial. Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.
Apoio ao emprego local.
A actuación enmárcase na aposta do Goberno Galego por incrementar a inclusión laboral e a estabilidade dos Galegos e Galegas e por colaborar cos Concellos na contratación de persoas desempregadas. Así, neste senso, destacan, entre outros, as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 Concellos ou Agrupacións de Municipios; as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social, nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas, en 163 Concellos Galegos, ou o programa Aprol Rural, para apoiar a contratación de 505 persoas sen emprego, en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.
Neste eido, tamén destacan os programas integrados de emprego cun orzamento de 10 millóns de euros, ou as axudas aos orientadores laborais con 6,8 millóns de presuposto. De feito, a Xunta leva activados este ano, incluído o orzamento dos obradoiros duais, máis de 74,2 millóns de euros para apoiar o emprego local.
O Executivo Autonómico traballa así nunha recuperación económica que pon no seu eixo de actuación ás persoas, mediante o seu benestar da man do emprego, e a inserción laboral, feitos que non se entenden sen a adecuada e progresiva formación e capacitación.
Concello |
Denominación |
Alumnos |
Achega da Xunta |
Gondomar, Nigrán e Baiona |
Coidando Miñor |
20 |
346.946 € |
Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño |
Sustentable |
20 |
346.946 € |
Cangas |
Granxa da Rúa |
20 |
346.946 € |
Moaña |
Moaña Labora V |
20 |
346.946 € |
Redondela |
Redondela Máis que Bela |
20 |
346.946 € |
O Porriño |
Porriño Labora |
20 |
346.946 € |
Vigo |
Vigo Capacita VII |
20 |
346.946 € |
Mos |
Somos Mos |
20 |
346.946 € |
Mancomunidade de Vigo |
Obradoiro Forestal nos montes de Vigo |
12 |
346.946 € |
Alerta