12 octubre, 2024
― Esta obra, adxudicada por un importe de preto de 35.000 euros, comezará a vindeira semana
― Trátase da reparación dun tramo de beirarrúa na marxe esquerda da PO-551, na contorna do punto quilométrico 28+260
― Os traballos do departamento de Infraestruturas da Xunta requiren o saneo dos firmes e a retirada e reposición dos colectores de pluviais en mal estado e coordinaranse co Concello, ao que lle corresponde a reparación do colector de fecais
― A Xunta tamén procederá á rehabilitación superficial do firme da estrada nesa zona
A Xunta adxudicou as obras de acondicionamento de beirarrúas na estrada autonómica PO-551, no lugar de Caiauga, no concello de Moaña. Esta intervención, adxudicada á empresa FCC Aqualia, S.A. por preto de 35.000 euros, comezará a vindeira semana, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.
Trátase da reparación dun tramo de beirarrúa na marxe esquerda da PO-551, na contorna do punto quilométrico 28+260, no lugar de Caiagua. Tras a supervisión da beirarrúa neste punto da vía por parte dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, chegouse á conclusión de que os problemas nesta zona viñan orixinados polos asentamentos do subsolo debidos ao lavado e arrastre de finos, xa que as conducións de servizos están en mal estado e pérdese caudal en xuntas e pozos.
Así, para reparar a beirarrúa afectada, previamente requírese o saneo dos firmes e a retirada e reposición dos colectores en mal estado, tanto de augas pluviais (competencia da Xunta) como de augas fecais (competencia municipal).
Así, os traballos da Xunta coordinaranse co Concello, ao que lle corresponde realizar a reparación do colector de augas fecais. Mediante este contrato, ademais, neste punto da estrada procederase á rehabilitación superficial do firme da estrada mediante fresado de 5 centímetros e extensión de mestura bituminosa en quente.
Plano da planta da actuación das obras adxudicadas:
Alerta