12 noviembre, 2025
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron hoxe as asociacións veciñais San Xurxo, en Saiáns, e da Salgueira, Rosalía de Castro, para comprobar as melloras realizadas nos respectivos locais sociais co apoio do Goberno galego. Ambas as dúas entidades son beneficiarias das axudas do Plan específico de acción comunitaria deste ano, dotado con 4 millóns de euros e dirixido a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas.
No caso da asociación veciñal, cultural e deportiva San Xurxo de Saiáns, a Xunta destinou 12.000 euros para obras de mellora enerxética, coa instalación dunha nova porta e substitución dos cristais das ventás, así como o cambio parcial da cuberta, que carecía de illamento. Ademais, reformouse a sala de usos múltiples para facela accesible e polivalente e sacarlle así maior aproveitamento. Neste espazo demoléronse tabiques e falso teito, adaptáronse as instalacións eléctrica e de fontanería e ampliouse o mobiliario. A maiores, realizáronse obras no baño para garantir a accesibilidade.
Pola súa banda, a asociación de veciños da Salgueira, Rosalía de Castro, recibiu máis de 7.000 euros para a eliminación de barreiras arquitectónicas coa colocación de ramplas de acceso en diferentes espazos e dunha nova porta de entrada ao auditorio.
A orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria incrementou este ano o orzamento a catro millóns de euros -un millón máis que o exercicio anterior- para dar resposta ao volume de solicitudes en convocatorias previas. De feito, resultaron beneficiarias 454 actuacións, fronte ás 341 do ano pasado. Por provincias, a meirande parte das entidades beneficiarias son de Pontevedra, con 172 actuacións financiadas por 1,7 millóns. En concreto, no concello de Vigo foron 11 asociacións e comunidades de auga beneficiadas, cun investimento global de 110.700 euros.
Segundo sinalou Natalia Prieto, estas achegas, dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas, enmárcanse no compromiso do Goberno galego co asociacionismo, polo importante traballo que desempeñan na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía. Por iso, nos orzamentos da Xunta para 2026 se consolida o apoio de catro millóns de euros desta convocatoria para seguir dando resposta ás demandas destes colectivos.
A través destas subvencións, a Xunta colabora nos gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en obras en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
Alerta