A Xunta apoia o Concello de Vila de Cruces para a mellora de infraestruturas no parque empresarial do Camballón

Compartir

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o apoio que a Xunta presta ao Concello de Vila de Cruces para a mellora de infraestruturas no polígono do Camballón, cunha axuda de 85.000 euros que vai mobilizar máis de 106.000 euros.

En total, a Administración autonómica vai investir este ano 5,5M€ en medio cento de concellos a través de dúas liñas de apoios que levan permitido apoiar 627 obras de mellora en polígonos desde 2009; e a implantación de 13 viveiros industriais nos últimos cinco anos. Nesta convocatoria, a Xunta destina máis de 4,12M€ á mellora de infraestruturas en 51 concellos galegos, dos que 38 son Concellos Emprendedores, como é o caso de Vila de Cruces.

Trátase de diferentes actuacións para acondicionar a rede viaria, a xestión de residuos, os sistemas de depuración de augas ou de seguridade, entre outros. Na provincia de Pontevedra, cun investimento de máis de 800.000€, apoiáronse 15 proxectos. E, por outra banda, entre os seis novos viveiros que se van financiar este ano cun investimento de 1,3M€, cómpre salientar que un deles está tamén nesta provincia, no concello da Lama.

Segundo dixo o vicepresidente, estas axudas son un reflexo da aposta que a Xunta e os Concellos Emprendedores como Vila de Cruces están a facer para atraer investimentos ofrecendo ás empresas solo industrial a prezos competitivos e coas mellores condicións de servizo no marco da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. No caso concreto do polígono do Camballón, as obras previstas contemplan a reparación do pavimento dunha das rúas do polígono, rematar o treito pendente de beirarrúas e a canalización da rede de telecomunicacións, saneamento, auga e alumeado público.