26 septiembre, 2024
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves na presentación do Congreso PyConES 2024 que se celebrará do 3 ao 5 de outubro no Auditorio Mar de Vigo coa presenza de 800 programadores de software procedentes de toda España. A representante autonómica comprometeu o apoio do Goberno galego a esta iniciativa que se converte nunha das “conferencias nacionais máis importantes”.
Ortiz destacou o traballo dos organizadores, as comunidades VigoTech e Python Vigo co apoio de Python España, como “exemplo para os mozos interesados na tecnoloxía” e sinalou que “nas mans dos futuros programadores, enxeñeiros e científicos de datos está o secreto para afrontar retos como a Intelixencia Artificial ou a Robótica”.
Pola súa banda, o organizador do congreso, Álex Hermida, explicou que a conferencia caracterízase porque son os grupos locais de tecnoloxía, nesta ocasión de Vigo, os que organizan a conferencia co obxectivo de compartir coñecementos e experiencias, todo co soporte detrás da asociación sen ánimo de lucro de Python España.
Tamén apuntou que a celebración de PyConES en Vigo terá “un impacto significativo na cidade, fomentando o desenvolvemento tecnolóxico e económico local”. O evento quere ser un punto de encontro esencial para expertos e empresas, non só promovendo o coñecemento e a innovación, senón tamén dinamizando o tecido empresarial local, fomentando novas oportunidades para as empresas e os profesionais do sector tecnolóxico.
Durante a conferencia impartiranse talleres e charlas orientadas a fomentar a inclusión de colectivos minoritarios, garantindo que todos teñan a oportunidade de participar e aprender. Python é coñecido por ser unha linguaxe de programación intuitiva e versátil, esencial no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas. É un das linguaxes máis demandadas debido á súa facilidade de uso e a súa ampla gama de aplicacións, desde desenvolvemento de software ata ciencia de datos e aprendizaxe automático.
Alerta