14 noviembre, 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, sinalou a mobilidade sostible como garante da competitividade empresarial con motivo da apertura do foro Empresa Sostible, organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra co apoio da Xunta. Nesta liña, apuntou da importancia de adaptar a mobilidade ás necesidades do futuro, para o que Galicia conta coa Estratexia Galega de Mobilidade como folla ruta ata 2050.
Segundo Diego Calvo, o obxectivo é favorecer a sostibilidade nos desprazamentos, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade, para o que se deseñaron un cento de medidas que implican a todas as administracións e que representan un investimento superior aos 400 millóns de euros. O conselleiro citou algunhas das iniciativas integradas na estratexia, co impulso a infraestruturas como sendas peonís e ciclistas, aparcadoiros disuasorios ou máis puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Neste marco de acción, o Goberno galego aposta tamén polo transporte público, ao que destina máis de 140 millóns de euros ao ano, polas estacións intermodais e polas axudas para a renovación e modernización das frotas de transporte tanto de viaxeiros como de mercadorías, entre outras actuacións. Diego Calvo referiuse tamén á necesidade de mellorar os servizos ferroviarios, como lle leva reclamando a Xunta ao Goberno central sen resposta.
Na súa intervención, o conselleiro fixo un chamamento á unidade de todos os axentes sociais para reclamar que se leven a cabo as infraestruturas pendentes en materia ferroviaria e que se axilicen os trámites, tanto en relación co Corredor Atlántico como coa conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal. Nesta liña, lembrou o acto reivindicativo previsto pola Xunta “co que se quere demandar que se cumpran os compromisos para que as nosas empresas poidan competir en igualdade de condicións con respecto a outros territorios “.
Diego Calvo tivo tamén palabras para o sector da automoción como “industria estratéxica para a nosa comunidade e clave na aposta pola mobilidade sostible”. Lembrou o apoio autonómico a prol dunha maior competitividade destas empresas e que poidan adaptarse ao horizonte europeo para que haxa menos coches contaminantes.
Tras a apertura do foro, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, afondou na Estratexia Galega de Mobilidade, que define cinco eixes de actuación: funcionalidade, sostibilidade, seguridade, innovación e economía. Segundo sinalou, a partir deles desenvólvese un plan de acción con 99 medidas organizadas en 12 programas e 30 subprogramas.
Judit Fontela incidiu nos obxectivos globais de reducir a necesidade de desprazamentos, distancias nos traslados, emisións contaminantes e accidentes de tráfico. Nesta liña, explicou que a estratexia recolle indicadores para cada un deles, con obxectivos de resultados como que haxa cero emisións de dióxido de carbono polo transporte en 2050, o 30% de viaxes non motorizadas en 2030 ou 5% de redución de desprazamentos por estrada en 2050 con respecto a 2019.
Alerta