20 noviembre, 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, na presentación do Team España Tríatlon, o programa deportivo de alto rendemento orientado á preparación do equipo olímpico nacional no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. De feito, no acto de hoxe asinouse o convenio de colaboración que permita levar a cabo a preparación no CGTD do equipo olímpico nacional que participe nos Xogos de Os Ánxeles 2028.
O grupo de adestramento, no que participan os triatletas nacionais con maior proxección, traballará nas instalacións de Pontevedra liderado por Javier Gómez Noya, que tras a súa retirada da competición forma parte do equipo técnico da Federación Española de Tríatlon.
Diego Calvo destacou a importancia de que este grupo poida facer uso das infraestruturas de Pontevedra como fixo Javier Gómez Noya durante a súa traxectoria, na que se fixo cun palmarés con, entre outros títulos, cinco campionatos mundiais de tríatlon, catro de Europa e unha medalla de prata nos Xogos Olímpicos. Ademais, incidiu en que agora, desde o outro lado, “un dos mellores triatletas da historia tratará de trasladar toda a súa experiencia e coñecementos a unha nova xeración de deportistas”, entre eles os galegos Esteban Basanta, Natalia Castro, Sara Guerrero e Andrés Prieto.
Nesta liña, o conselleiro de Deportes puxo en valor que, nos últimos anos, Pontevedra acolleu competicións de tríatlon internacionais como o os Mundiais Multideporte de 2019, que Javier Gómez Noya gañou na modalidade de longa distancia, a Copa Mundial de Tríatlon de 2022 e a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon deste ano. O propio Gómez Noya desde a Federación Española de Tríatlon está tamén inmerso na organización dun novo Mundial Multideporte en 2025 e unha nova Gran Final das Series Mundiais en 2026.
Durante a visita de hoxe, Diego Calvo tamén lembrou o compromiso da Xunta coa dotación de insfraestruturas deportivas axeitadas para que os deportistas galegos poidan adestrar e competir nas mellores condicións. Así, os orzamentos da consellería para 2025 recollen unha partida de 500.000 euros para dar inicio ao proxecto de transformación do CGTD nun centro integrado de alto rendemento e tecnificación para o que contará cunha ampliación cara a Cernadiñas Novas.
Deste xeito, esta iniciativa permitirá “centralizar a excelencia deportiva de Galicia, conseguir manter o alto nivel do deporte galego en Galicia, atraer o alto nivel de fóra de Galicia e acadar un maior financiamento do Estado acorde coa realidade deportiva de Galicia”.
Alerta