9 septiembre, 2024
A delegada territorial, Ana Ortiz, avanzou que o Goberno galego licitará a construción do centro educativo unha vez recibido o documento
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, informou hoxe de que o Executivo autonómico contará o vindeiro mes de outubro co proxecto de construción do novo instituto IES de Navia. A representante autonómica indicou que o Goberno galego licitará as obras en canto recibo o documento, unha vez que
a redacción do proxecto xa fora contratada en xaneiro pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades y FP á UTE formada polas empresas Iglesias y Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectes.
Ortiz lembrou que os Orzamentos de 2024 xa contemplan a construción do centro educativo en tres anualidades, cunha cantidade de 103.769,45€ no ano 2024, 6.761.639€ no 2025 e 6.761.639€ no 2026. Con todo, o orzamento de licitación definitivo deberá axustarse á contía económica definida que determine o proxecto.
“Continuamos avanzando no compromiso da Xunta coa cidade e con esta nova infraestrutura educativa e como mellor proba figura o cadro de investimentos que levará a cabo nas diferentes partidas orzamentarias ata un total de 14 millóns de euros”, explica a representante autonómica.
O novo instituto, que atenderá as necesidades educativas derivadas da dinámica poboacional nunha área de expansión como é o barrio de Navia, deseñarase seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos. Será o primeiro instituto construído en base a estes parámetros.
Terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m². En consonancia co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, propóñense espazos docentes acolledores e interactivos, que fomenten novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables. Ademais, o edificio construirase pensando en reducir nun 30% o consumo enerxético respecto de edificios similares.
Alerta