15 noviembre, 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola directora territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na presentación da primeira parte da campaña de dinamización do comercio de proximidade Nadal en Zona Náutico, apoiada pola Xunta e organizada pola asociación de comerciantes e hostaleiros Zona Náutico de Vigo co obxectivo de dinamizar e fomentar o comercio local de cara a estas datas.
Gabriel Alén puxo en valor a iniciativa que se desenvolverá na segunda quincena de novembro, consistente no sorteo de 10 packs de entradas para a noria e diversas atraccións do Nadal de Vigo por compras mínimas de 12 euros realizadas en calquera dos establecementos asociados a Zona Náutico. Alén salientou a importancia deste tipo de acción de dinamización para dar vida aos barrios e vilas e impulsar as vendas de Nadal no comercio de proximidade. Ademais, lembrou que sigue aberto o proceso participativo do novo Plan estratéxico 2025-2030 e convidou a que todos os axentes implicados sigan facendo as súas achegas. Asemade, remarcou que a dixitalización, as ferramentas tecnolóxicas e as novas canles de difusión ofrecen ao comercio opcións innovadoras para incentivar as vendas e conectar cos consumidores, destacando como exemplo o uso dunha aplicación para validar os tickets de compra ou a amplificación do concurso a través das redes sociais como elementos diferenciais polos que aposta esta campaña.
O director xeral destacou a relevancia do comercio na xeración de emprego e na dinamización das economías locais, como parte fundamental do crecemento económico e social de Galicia, e puxo o foco no labor fundamental que xogan as asociacións e centros comerciais abertos na difusión e promoción do sector en vilas e cidades.
Alerta