21 agosto, 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 24 actividades formativas dirixidas aos servizos de emerxencias prestados tanto por profesionais como por voluntariado de Protección Civil.
As actividades previstas suman 572 prazas e desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro con accións de carácter presencial, semipresencial e en liña. Así, convócanse, por unha parte, 14 cursos para persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias que ofertan 348 prazas.
Entre eles figuran actuacións en situacións de emerxencias con amoníaco, apertura de portas en edificios e vehículos, rescate en ascensores, intervención con risco eléctrico e con vehículos especiais, investigación causal de incendios, técnicas de excarceración e extracción de vítimas en accidentes de tráfico, operacións de rescate en espazos confinados e en aeroxeneradores, e rescate en ríos, riadas e inundacións.
As horas lectivas dos distintos cursos oscilan entre as oito e as 40, cun global de 194. Por outra banda, para o persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, o DOG publica a convocatoria doutros 10 cursos con 224 prazas e 144 horas lectivas. Os contidos inclúen o uso de Google Earth nos dispositivos de emerxencias, a busca de persoas desaparecidas no medio rural, accidentes na estrada, actuación inicial coas vítimas de violencia de xénero, intervención e regulación do tráfico, organización e seguridade en eventos multitudinarios, probas deportivas e de motor, comunicacións en emerxencias e primeiros auxilios, entre outros.
O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 9 de setembro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal), onde tamén se publicará a relación de persoas seleccionadas para participar en cada un dos cursos. Estas actividades completan o plan de formación continua da Agasp deste ano no eido das emerxencias, do que xa se impartiron no primeiro semestre 17 cursos con máis de 400 prazas.
A oferta súmase ademais á dirixida ao persoal dos corpos e forzas de seguridade, que só no primeiro semestre deste ano incluíu 59 cursos e máis de 1.700 prazas.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia e como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da
poboación. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.
Alerta