20 julio, 2021
Neste programa, no que xa participaron 1.766 mulleres dende 2016, fináncianse itinerarios de inserción laboral e cursos de formación para o emprego
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a orde de convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro dirixidas a favorecer a inserción no mercado de traballo das mulleres vítimas de violencia machista. Son 680.000 euros que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste en programas encamiñados á inclusión das mulleres, consciente o Executivo galego da relevancia que a independencia económica e o emprego teñen na emancipación e liberdade das vítimas da violencia de xénero respecto dos seus agresores.
Este programa, cunha contía máxima de 100.000 euros por entidade, ten como obxectivo activar por parte das organizacións sen ánimo de lucro itinerarios de inserción que inclúan un plan personalizado para a obtención dun posto de traballo, orientación profesional e asesoramento laboral, así como un acompañamento na busca activa de emprego e demais impulsos dirixidos á inclusión feminina no mercado laboral. Nestas axudas, nas que xa participaron preto de 1800 mulleres dende 2016, inclúense contías específicas para compensar os gastos nos que se poidan incorrer por estar no programa e para incentivar a inserción no mesmo.
É meta deste plan, tamén, apostar pola formación para o emprego coa finalidade de capacitar ás participantes para a súa entrada no mercado laboral, así como axudas á conciliación que doten a estas mulleres da liberdade para tomar partido nas accións relativas ao seu itinerario de inserción sociolaboral e na formación para o traballo. Nesta convocatoria establécese, ademais, a obriga de conseguir un mínimo de 10% de mulleres cun posto de traballo ao remate da axuda.
A Xunta continúa así a traballar dentro do marco das accións incluídas por Galicia no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O Executivo autonómico é consciente da ligazón entre o mercado laboral, a inclusión e a independencia das mulleres respecto das distintas violencias machistas, coa consecuente dotación de ferramentas que lle permiten á muller incorporarse ao mercado de traballo e acadar ou aumentar a súa independencia económica, polo que cómpre seguir traballando neste tipo de mecanismos esenciais para unha sociedade máis igualitaria.
O Goberno galego conta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, de máis impulsos cara a igualdade real, como é a convocatoria de axudas ás entidades locais para a contratación de mulleres vítimas da violencia machista, lanzada o pasado xaneiro cun orzamento de 1,4 millóns de euros e que dende o 2019 conseguiu que 153 mulleres obtiveran un posto de traballo. Neste 2021 foron 63 as mulleres contratadas en 30 concellos galegos. Así mesmo, a Consellería da que é titular María Jesús Lorenzana está a deseñar, sempre da man do Diálogo Social, novas medidas que favorezan a inclusión da muller no mundo do traballo e a loita contra a violencia machista.
WhatsApp us