
3 noviembre, 2025
O Alcalde Luis Piña asina co Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello da Cañiza destinado a paliar os danos e gastos ocasionados pola cooperación municipal durante o incendio forestal do pasado 30 de xullo de 2025.
O convenio suscrito establece unha achega económica de 3.067,44 euros, destinada a paliar os danos sufridos nos viais públicos e a compensar os custos derivados da participación do persoal municipal nas labores de apoio na extinción e asistencia.
O INCENDIO QUE AFECTOU Á CAÑIZA
Aquel lume, declarado de forma simultánea en cinco puntos distintos, afectou ás parroquias de Oroso, Couto, A Cañiza e Valeixe —esta última a máis prexudicada— e arrasou máis de 280 hectáreas de terreo, converténdose naquel momento no primeiro e un dos incendios máis graves do verán en Galicia. O incendio foi declarado de nivel 2 debido á súa proximidade a zonas habitadas e, durante a emerxencia, activouse por primeira vez en Galicia o sistema ES-ALERT, que permitiu alertar á poboación mediante mensaxes directas nos teléfonos móbiles.
Durante a emerxencia despregouse un amplo dispositivo de medios de extinción cunha resposta exemplar por parte de todas as administracións implicadas, entre elas a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Xunta de Galicia, a Unidade Militar de Emerxencias (BIEM5), brigadas terrestres, motobombas, bulldozers, medios aéreos, Garda Civil —con 17 patrullas activadas—, Policía Autonómica e Policía Local, que sumaron máis de 200 profesionais.
No operativo chegaron a participar 5 bulldozers, 9 motobombas, 19 brigadas terrestres, 8 helicópteros e 5 avións, que traballaron de maneira coordinada durante varios días ata lograr controlar e extinguir o incendio.
Tal e como lembrou o rexedor, “naquel momento despregáronse todas as capacidades dispoñibles polas distintas administracións, nunha resposta coordinada que permitiu conter un lume de gravísima intensidade”.
O Concello da Cañiza, pola súa banda, sumouse ao operativo de emerxencia coa mobilización de dotacións municipais, maquinaria e persoal propio, que colaboraron de maneira coordinada cos servizos autonómicos e estatais de extinción, contribuíndo así a reforzar as tarefas de apoio durante a emerxencia.
SINATURA DO CONVENIO
Este convenio é a consecuencia do procedemento iniciado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Administración Local, que mediante comunicación da Directora Xeral Natalia Prieto Viso, do 2 de setembro de 2025, abriu o prazo para que os concellos afectados polos incendios forestais do verán de 2025 solicitasen axudas económicas destinadas a paliar os danos e gastos derivados das súas actuacións.
En resposta a esa convocatoria, o Concello da Cañiza presentou a súa documentación (Expediente 1535/2025), solicitando apoio para afrontar os custos da mobilización municipal e reparar as infraestruturas danadas.O convenio suscrito, establece unha achega económica de 3.067,44 euros.
O Alcalde Luis Piña subliñou que “esta colaboración da Xunta de Galicia supón un exemplo de coordinación institucional e de apoio ao labor desenvolvido polo Concello durante unha emerxencia de grande magnitude. Grazas a esta achega económica poderemos recuperar parte dos recursos investidos e reparar os danos máis urxentes nos viais públicos”.
O Concello da Cañiza agradece a cooperación institucional e reafirma o seu compromiso de seguir traballando en accións de prevención e recuperación ambiental para garantir o benestar de toda a veciñanza.
Alerta