2 octubre, 2024
Portos de Galicia respondeu no mes de xullo a unha nova solicitude de documentación do Ministerio de Transición Ecolóxica para a autorización do punto de depósito dos áridos, que condiciona a tramitación de todas as obras de recuperación de calado no litoral sur
A Xunta de Galicia subliña que ten consignada unha partida de 3 millóns de euros nos Orzamentos do 2025 para a obra de dragaxe do Lérez, na ría de Pontevedra, e que o desbloqueo desta actuación depende da autorización por parte do Goberno central dun punto de vertido para os áridos que se extraian da obra.
Neste sentido, a Xunta lembra que o Ministerio de Transición Ecolóxica decidiu en 2021 non autorizar máis verteduras de áridos no punto exterior de Sálvora, autorizado para esta actividade durante as últimas dúas décadas. Esta obra paralizou todas as dragaxes do litoral galego ao sur de Muros. O Ministerio solicitou entón a Portos de Galicia un estudio de alternativas de novas zonas de depósito para poder retomar estas obras.
Portos de Galicia elaborou e remitiu dito estudo e de novo o Goberno central requiriu información complementaria que a Xunta enviou o pasado mes de xullo. Tras o novo envío de documentación, corresponde agora ao Ministerio autorizar en base a ela un punto de depósito dos áridos que permita desbloquear a dragaxe do Lérez e as do resto da franxa sur da comunidade. Por este motivo, o Goberno galego require ao Ministerio axilidade para poder executar as partidas orzamentarias consignadas para estas obras en 2025.
Alerta