
14 octubre, 2025
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na inauguración do curso na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo. Un centro da Xunta do que destacou a súa proxección internacional. “De feito, recentemente, foi incluída na rede ITI/UNESCO para a educación superior nas artes escénicas, que se centra na construción dunha plataforma global para que as institucións de educación superior intercambien experiencias”, destacou.
“Precisamente fomentar a internacionalización dos centros é unha das medidas previstas no Plan EDUC-ART, unha nova iniciativa da Xunta para modernizar, revalorizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas do país”, salientou a directora xeral.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor a traxectoria de dúas décadas do centro, que conta con 160 alumnos e imparte as tres especialidades contempladas pola lexislación vixente, en concreto as de Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación.
Subliñou, así mesmo, a colaboración que mantén a escola con outros centros de ensinanzas artísticas. Froito deste traballo conxunto nos últimos cursos leváronse a escena grandes obras escénicas como óperas e zarzuelas cun grande éxito, o que supón unha proxección das artes non só a nivel educativo senón que se potencia a visibilización destas na sociedade en xeral.
O acto incluíu unha homenaxe ao dramaturgo, director, actor e narrador oral Cándido Pazó, que impartiu a lección inaugural. Fíxose un repaso da súa traxectoria, léronse fragmentos das súas obras e interviñeron tamén outros membros da comunidade educativa e profesionais do teatro que traballan con Cándido Pazó e desenvolveron a súa formación na nesta escola. Ademais, púxose o seu nome a unha aula en recoñecemento á súa contribución ao sistema teatral e á profesionalización da cultura.
Alerta