6 agosto, 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron esta mañá o antigo edificio dos xulgados na rúa Lalín que vai ser obxecto dunha rehabilitación integral que permitirá dotar dun cento de espazos para a ocupación temporal por parte de asociacións e entidades sociais da cidade.
De feito, como lembrou o conselleiro, trátase dun símbolo e un exemplo máis do compromiso do Goberno galego coa recuperación do patrimonio para novos usos como xa se fixo coa reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como se
está facendo na antiga Audiencia Provincial coas obras do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia. Ademais, destacou a recuperación do Teatro Cine Fraga co obxectivo de destinalo a fins culturais, tras a sinatura do acordo de compravenda do inmoble o mes pasado xullo xunto coa Deputación Provincial de Pontevedra e Abanca.
O Consello da Xunta aprobou onte a licitación por 19,4 millóns de euros o proxecto de rehabilitación do edificio da rúa Lalín presentado a comezos de ano polo arquitecto Alfonso Penela, gañador do concurso de ideas convocado pola Xunta a finais de 2022. Prevese que as obras comecen a finais deste ano e que se prolonguen un máximo de 16 meses. O financiamento da actuación enmárcase no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia 2021-2027).
O arquitecto, tamén presente no acto, explicou os detalles do proxecto que contempla, entre outras actuacións, melloras na envolvente térmica da fachada, no sistema de climatización, na iluminación, na cuberta ou no abastecemento. Tamén se facilitará a
accesibilidade e a integración na contorna mediante a retirada do aparcamento exterior e a rebaixa do terreo para que quede en continuidade coa planta baixa.
Diego Calvo incidiu en que a actuación, ademais de contribuír a recuperar o patrimonio para novos usos, supón a dinamización do asociacionismo, ao igual que a Xunta xa fixo noutras instalacións autonómicas como o edificio da rúa Benito Corbal en Pontevedra ou o Espazo Amizar na Coruña.
Diego Calvo fala dos Antigos Xulgados de Vigo
Alerta