13 diciembre, 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración interviu en Allariz no I Foro de Emprendemento Rural
― José González destaca o importante legado histórico de Galicia como unha terra de emprendedores e pon en valor as posibilidades que ofrece esta comunidade
― Tamén avoga por ofrecer unha visión integral do emprendemento, que teña en conta o papel dos negocios pegados á realidade de cada contorna e a relevancia da remuda xeracional para favorecer a súa permanencia no territorio
― Resalta o impacto da Rede de polos, que xa permitiu que case 250 iniciativas pasasen de idea a empresa, ademais de cumprir a mentoría con 400 negocios activos e o traballo cos centenares de emprendedores que seguen traballando no seu proxecto
― Para impulsar o tecido laboral e emprendedor tamén é crucial a atracción de talento retornado, eido no que Galicia vén de marcar un novo récord por 3º ano consecutivo co regreso de 8.500 galegos en 2023, segundo datos do INE
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, puxo en valor o potencial de Galicia como un referente no emprendemento ligado ao territorio, como xa avala o galardón comunitario a Rexión Emprendedora Europea 2024. Fíxoo no marco do I Foro de Emprendemento Rural, organizado pola Fundación Roberto Rivas e que reuniu entre onte e hoxe en Allariz a persoas emprendedoras, así como institucións e organizacións nacionais e internacionais para debater sobre as oportunidades e os desafíos na contorna rural.
O conselleiro fixo fincapé no importante legado histórico de Galicia como unha terra de emprendedores e puxo en valor as oportunidades que ofrece a nosa comunidade para seguir xerando valor e pegada económica, ao tempo que se contribúe a fixar poboación e combater o reto demográfico.
Así mesmo, avogou por ofrecer unha visión integral e transversal do emprendemento –que teña en conta o papel fundamental dos negocios ligados ao territorio e a importancia da remuda xeracional, tamén co foco nos oficios tradicionais, para favorecer a permanencia daquelas iniciativas que xa esta funcionando– e que transforme a propia dispersión de territorio e do tecido produtivo propio de Galicia nunha oportunidade, avanzando nun emprendemento escalable, innovador, circular, sustentable e que non renuncie á tecnoloxía.
Na súa intervención, José González salientou que, neste contexto, o papel da Xunta é o de ser unha administración facilitadora, que pon a disposición de todo o ecosistema as ferramentas e os recursos para que os proxectos atopen un terreo fértil para medrar.
Entre as accións promovidas polo Executivo galego para xerar oportunidades na Galicia non urbana, remarcou o impacto da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 15 oficinas situadas estratexicamente en vilas e cabeceiras de comarca —salvo a de Ferrol- que xa contribuiron a que case 250 iniciativas pasasen de ser unha idea a converterse nun negocio que dinamiza o territorio galego. Estes datos súmanse aos máis de 400 proxectos activos que cumpriron os seus obxectivos de mellora a través da mentoría da Rede, que no último ano tamén atendeu a case 250 negocios que buscan relevo e a centos de emprendedores –un 60% deles mulleres e case un 20% procedentes de fóra de Galicia–, que nestes momentos seguen traballando nos seus proxectos.
Para seguir avanzando neste camiño, lembrou que en 2025 a Xunta destinará 32 millóns de euros ao emprendemento, poñendo o foco na coordinación de esforzos e na especialización, atendendo aos sectores estratéxicos de cada territorio. Ademais, remarcou que se incidirá na simplificación administrativa para os autónomos, unificando nunha orde todas as axudas específicas para o colectivo, con máis de 40 millóns de euros.
No marco das políticas de retención e atracción de talento impulsadas pola Xunta para fortalecer o tecido laboral e emprendedor da Comunidade, o Executivo galego ten en marcha diferentes medidas tanto no mercado interno coma no externo, neste último caso coa prioridade posta no retorno dos galegos do exterior que desexen regresar, ben con traballos por conta allea ou ben a través do autoemprego.
Neste senso, as cifras da última enquisa de saldo migratorio publicada polo INE avalan o labor impulsado pola Xunta no marco da Estratexia Galicia Retorna e veñen de demostrar unha vez máis a súa eficacia. Así, 2023 marcou un fito importante para a comunidade galega, xa que, por terceiro ano consecutivo, alcanzouse unha cifra histórica de retorno. Preto de 8.500 galegos decidiron voltar desde os seus países de residencia actual, elixindo a súa terra de orixe para asentarse de novo.
Alerta