Compartir

Xunta de Galicia fixo pública hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da súa convocatoria anual de subvencións para producións e coproducións audiovisuais, a través da que impulsará a posta en marcha de 22 novos títulos de cinema e televisión doutras tantas empresas galegas. Trátase da liña de axudas ao sector de maior dotación das seis xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que desta volta apoia a realización de 13 longametraxes cinematográficas (cinco de ficción en imaxe real, unha de animación e sete documentais), seis curtametraxes e tres series de televisión (unha en imaxe real e dúas de animación).

Deste xeito, a Xunta cofinancia en diferentes porcentaxes a produción dos devanditos traballos, que de acordo coa suma dos seus orzamentos totais estimados, implicarán a mobilización de preto de 18 millóns de euros no sector audiovisual galego

Traballos con apoio desde a súa orixe
Ademais, varias destas propostas veñen contando xa con apoio autonómico desde a súa fase de preprodución en calidade de adxudicatarias en anos anteriores das convocatorias para a escrita de guión e/ou para o desenvolvemento de proxectos.

É o caso das longametraxes de ficción As neves (Cósmica Producións), con Sonia Méndez na dirección; Un pasado por diante (Quien a Hierro Mata AIE), debut da realizadora Olga Osorio en longa duración; La parra (Filmica Galaika), dirixida por Alberto Gracia; Fatum (Vaca Films), por Juan Galiñanes, ou o documental Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser, coprodución galego-portuguesa encabezada por Agallas Films e con Marta Pérez Pereiro na realización.

Na listaxe de longas cinematográficas figura, ademais, SICA, nova produción de Miramemira, que dirixirá a catalá Carla Subirana e será rodada en Galicia. No caso dos documentais cinematográficos, completan a relación outros seis títulos subvencionados: Salvaxe, salvaxe, de Xiana do Teixeiro; Calada, de Viva Zapata y Villar; Rapa, de Rapa A Película; Hoxe e o resto do mundo, de Matriuska Producciones; O capitán, de VisualsLab, e 2084, de Somadrome Films.

Cofinanciarase igualmente a longa de animación Chica y lobo, presentada por Sygnatia para levar á pantalla grande a novela gráfica homónima de Roc Spinet.

Series para televisión
No ámbito televisivo, a Xunta apoiará a coprodución con Portugal de Operación marea negra, un thriller de catro episodios para Amazon Prime Video e con Daniel Calparsoro á fronte da dirección, así como as series de animación para público infantil O diario de Alice e Trokers, o noso mundo está nas súas mans.

Polo que respecta ás curtametraxes, as adxudicatarias deste ano son O affair (Pulsa Control Z), de Enrique Otero; Alicia fai cousas, de Ángel Santos; Habitar (Sétima), de Anxos Fazáns; Madalenas (Gaitafilmes), de Félix Brixel; Túa será a terra (Rebordelos), de Xacio Baño, e Nena (Undodez), de Xosé Antonio Touriñán e Jairo Iglesias.