16 agosto, 2024
— No encontro tamén participaron os directores xerais de Formación e Cualificación para o Emprego e de Comercio e Consumo, Zeltia Lado e Gabriel Alén, así como a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz
— Tratáronse cuestións como os obradoiros de emprego e as fórmulas dispoñibles para consolidar o comercio de Mos no marco do tecido produtivo local
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado dos directores xerais de Formación e Cualificación para o Emprego e de Comercio e Consumo, Zeltia Lado e Gabriel Alén, así como da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, vén de manter un encontro coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, co gallo de avanzar na colaboración entre a Xunta e este concello pontevedrés. Nese senso, abordáronse ferramentas como os obradoiros de emprego ou as distintas fórmulas dispoñibles para dinamizar o comercio local.
No primeiro caso, tratouse o apoio da Xunta de Galicia ao obradoiro dual Queda en Mos II, que se vén desenvolvendo nos campos profesionais de traballos de carpintería e moble, instalación de elementos de carpintería, xestión de marketing e comunicación, e deseño de produtos audiovisuais multimedia e interactivos. Unha acción cunha vintena de persoas participantes que están recibindo formación ao tempo que desempeñan un traballo remunerado e que, tal e como quedou patente no encontro, se agarda que teña continuidade no marco da próxima resolución da convocatoria de 2024.
A maiores, o Goberno galego financia un Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Mos, que na súa sexta edición conta con 100 participantes e que se está a executar tras ter conseguido na anterior etapa unha porcentaxe de inserción superior ao 60%.
Comercio de Mos
Na reunión, tamén se tratou o obxectivo do consistorio mosense de seguir dinamizando o seu comercio local, apostando pola súa modernización e dixitalización como vías para a fidelización da clientela. Nese senso, a alcaldesa aludiu a accións de promoción como a segunda edición do evento multisectorial Queda en Mos -que se celebrará nos vindeiros meses consolidándose como unha das citas claves anuais na programación municipal- ou ás desenvolvidas nas redes sociais ao abeiro do obradoiro dual de emprego en execución, en concreto, na parte relativa ao marketing e á comunicación.
No marco do apoio que a Xunta vén dando a este tipo de actividades, tamén se comprometeu a presenza autonómica na Mesa local do comercio que o Concello de Mos quere convocar por vez primeira este ano.
Alerta