A xunta inviste máis de 10 millóns en programas integrados de emprego para impulsar a ocupación de 4.000 persoas desempregadas

Compartir

O Diario Oficial de Galicia (DOG), ven de recoller hoxe unha orde pola cal destínanse máis de 10M€ a unha nova edición dos Programas Integrados de Emprego (PIE) que acompañarán neste ano a case 4.000 persoas desempregadas na procura de emprego e na adquisición dunha mellor formación.

Esta liña, dotada con 10.080.000 euros a cargo dos fondos finalistas do Estado, activa un total de 40 programas de formación dirixidos cada un a 100 persoas desempregadas coa meta de potenciar a súa inclusión laboral. A convocatoria está orientada a entidades locais, soas ou agrupadas, e a organizacións con personalidade xurídica sen ánimo de lucro. Serán elas quen planifiquen os seus PIE, que deben garantir, como mínimo, a inserción laboral do 35% das persoas participantes nas formacións.

O Goberno galego pon o seu foco, como parte prioritaria, nas persoas en risco de exclusión social, vítimas de violencia machista, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con discapacidade ou inmigrantes. Esta orde reserva, así mesmo, 2 millóns de euros para fornecer programas dirixidos en exclusiva ás mulleres desempregadas, co obxectivo de que reciban atención específica que lles permita entrar no mercado de traballo.
É prioritario para o Executivo galego o impulso, a través desta financiación, ao relacionado cos proxectos innovadores e caracterizados polo emprego de tecnoloxías avanzadas e, na mesma liña, o fomento tamén das actividades que propoñan medidas de conciliación e que teñan ligazón co territorio onde están asentadas.

No afán de democratizar o acceso a estas convocatorias, a Xunta facilita o desprazamento e gastos derivados da asistencia ás mesmas con bolsas de sete euros por día para a asistencia das persoas demandantes de emprego, así como a cobertura dos custos salariais do persoal que imparte as formacións e o seu desprazamento, xunto cos gastos materiais e técnicos.
Os PIE teñen como finalidade a inclusión das persoas atendidas, é por iso que a Xunta esixe ás entidades beneficiarias un mínimo dun 35% de inserción laboral dos e das participantes mediante, ou ben a súa contratación 3 meses por conta allea durante os 12 meses de execución do programa, ou ben inicien no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade por conta propia ou formando parte como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

Estes PIE teñen no seu centro a formación, pero tamén a orientación e asesoramento dentro das especialidades do catálogo do SEPE, ademais das técnicas de coidado da saúde emocional no emprego, as habilidades sociolaborais, o impulso á creatividade emprendedora, a prospección laboral e a mobilidade xeográfica.
Preto de 42.000 persoas participaron en Galicia nestes programas integrados de emprego dende o ano 2009, nos que houbo un investimento de case 74 millóns de euros. Na convocatoria deste ano a Xunta eleva o orzamento dos 8,4 aos 10,08 millóns de euros, un 20% de aumento.