1 abril, 2024
O obxectivo é mellorar as condicións das vías afectadas pola execución da nova conexión da autovía, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro grazas a un investimento da Xunta de 26 M€
― A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación, establecendo como prazo ata o vindeiro 29 de abril para que as empresas poidan presentar ofertas
― Intervirase no treito da N-551 que discorre entre as interseccións do antigo enlace da autovía e que pasará a ser de titularidade autonómica, construíndo beirarrúas e reordenando o aparcadoiro
― Renovarase o firme dun treito da A-55 e instalaranse pantallas acústicas adicionais
― Acondicionaranse as glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico durante a execución das obras da autovía e mellorarase o firme de varios viais
― A previsión da Xunta é adxudicar as obras en xuño e comezar os traballos en xullo, cun prazo de execución de 6 meses
A Xunta licitou hoxe por importe de 1.023.591 euros as obras de acondicionamento das vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos, que teñen como obxectivo realizar adaptacións do viario á nova configuración da
circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro tras un investimento
autonómico de 26 M€.
As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 29 de abril.
En concreto, o contrato licitado hoxe inclúe intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa
contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía.551,
Máis en detalle, as intervención de acondicionamento do treito da estrada N-551 entre as interseccións do antigo enlace, que pasa a ser autonómico como parte da PO-552,
incluirán a adaptación da sección transversal, con eliminación do carril central que quedou sen uso, a construción de beirarrúas e a reordenación do aparcadoiro. Nos vaos
peonís colocarase pavimento táctil.
Tamén se procederá á reposición do firme existente, á disposición dunha parada de autobús, á execución dunha nova rede de pluviais ou á mellora da rede de iluminación.
No caso das actuacións na A-55 estas centraranse na renovación do firme e na instalación de pantallas acústicas adicionais.
Prevense, ademais, outros remates como o acondicionamento das glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico e melloras en distintos camiños municipais da
contorna do polígono.
A previsión da Xunta é adxudicar as obras no mes de xuño e comezar a execución en xullo, cun prazo de execución de 6 meses.
Plano de situación dos tramos obxecto das obras obxecto das obras licitada hoxe:
Alerta