28 noviembre, 2024
— José González puxo como exemplo o software EMi, premiado hoxe mesmo, ou as que contribuíron a que Galicia acadase o premio Rexión Emprendedora Europea 2025, ademais doutras accións en liña co que recomenda a UE, como as microformacións
— A ferramenta EMi, que emprega IA, enmárcase no traballo da comunidade galega para modernizar e reforzar a eficacia do seu Servizo Público de Emprego, ao que se suman outras accións como a mellora das oficinas deste servizo
— Trasladou a vontade total do Goberno galego para compartir estas boas prácticas co ánimo de que sirvan de exemplo e de axuda para poder aplicarse noutras rexións
— O recoñecemento ao Goberno galego por EMi é unha mención especial dentro dos premios aos mellores casos que concede o Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público no marco da Asemblea GovTech Connect
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, recolleu hoxe en Bruxelas o premio que outorga o Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea á Xunta de Galicia polo desenvolvemento da ferramenta EMi, que está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia. Trátase dun feito, destacou o conselleiro, que avala o camiño que segue Galicia con medidas pioneiras a nivel autonómico en España para potenciar a empregabilidade da
cidadanía e o mercado laboral galego e que responden ao que recomenda a Unión Europea.
Entre elas, o conselleiro destacou, ademais do software EMi, as medidas desenvolvidas no eido do emprendemento polo Goberno galego e que contribuíron a que Galicia acadase o premio Rexión Emprendedora Europea 2025 -iniciativa do Comité Europeo das Rexións en asociación coa Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes da Comisión Europea (DG GROW). Ademais destas accións xa recoñecidas, González lembrou que outras liñas estratéxicas da Xunta, como a potente aposta polas microformacións e microcredenciais ou o plan de captación de talento, están “absolutamente en liña” co que recomenda a propia Unión Europea.
No caso de EMi, incidiu, o Executivo galego busca potenciar as oportunidades laborais da cidadanía a través do Servizo Público de Emprego, ao que destina distintas accións para impulsar a súa modernización e eficacia, entre elas e ademais deste software, a mellora das oficinas deste servizo. Ao mesmo tempo, sinalou, EMi axuda a atender o reto de cubrir as vacantes laborais e a impulsar a competitividade do tecido empresarial. O obxectivo, lembrou, é que as oficinas de emprego sexan o gran nodo de empregabilidade en Galicia.
Neste sentido, José González agradeceu ao Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público este recoñecemento, porque contribúe a visibilizar o traballo e a aposta da comunidade galega para optimizar o uso das novas tecnoloxías ao servizo da cidadanía. Ademais, trasladou a vontade total do Executivo autonómico para compartir estas boas prácticas co ánimo de que poidan aplicarse noutras rexións.
O titular de Emprego tamén lembrou que no 2025 a Xunta seguirá potenciando a ferramenta EMi desenvolvendo novas accións como unha aplicación móbil que permitirá á cidadanía autoavaliar as súas competencias profesionais e beneficiarse das diferentes ferramentas do Servizo Público de Emprego. A estas accións o Goberno galego destinará 1 millóns de euros. A maiores, lembrou que co software EMi se prevé realizar o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano co obxectivo de casar oferta e demanda no mercado laboral e de cubrir de xeito máis eficaz a demanda de man de obra para permitir que as empresas sigan medrando.
O recoñecemento á Xunta polo desenvolvemento de EMi é unha mención especial dentro dos premios aos mellores casos que concede esta entidade no marco da Asemblea GovTech Connect: Aproveitando a innovación en Europa para os servicios públicos do mañá. Unha iniciativa que recoñece ás administracións públicas e aos seus socios tecnolóxicos o uso innovador de tecnoloxías como a IA e a Blockchain, dentro do sector público.
A Asemblea GovTech Connect é unha plataforma para que líderes europeos dialoguen sobre solucións aos desafíos que enfronta Europa e constrúan unha comunidade europea en materia de tecnoloxías dixitais. A de hoxe reuniu a funcionarios gobernamentais, emprendedores/as de nova creación, inversores, académicos e expertos para debater sobre tendencias, boas prácticas e retos neste ámbito e colaborar en solucións prácticas.
Alerta