31 agosto, 2024
A Consellería do Mar organizou unha Xornada de Convivencia e Traballo de Mariscadoras da Provincia de Pontevedra baixo lema ‘Construíndo Xuntas’ co obxectivo de debater e analizar a situación do sector desde diferentes perspectivas. Deste xeito, a xornada configurouse como unha oportunidade para que as profesionais poidan fortalecer os seus lazos, intercambien coñecementos e exploren novas oportunidades.
Para iso, combinouse a celebración de mesas de traballo nas que se abordaron aspectos como o empredemento feminino, a comercialización de produtos pesqueiros, as necesidades e retos aos que se enfrontan as directivas das agrupacións a pé e confrarías así como as oportunidades que ofrece o turismo mariñeiro e a realización de accións de recollida de lixo, entre outros coa celebración de actividades culturais e de lecer.
No evento, celebrado na Illa de San Simón en plena ría de Vigo, participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, que agradeceu a participación de preto dun centenar de mariscadoras e destacou que esta cita amosa dun xeito claro a aposta da Xunta por un modelo de xestión do sector pesqueiro baseado na cogobernanza.
Tamén puxo en valor a creación de espazos onde sexa posible compartir experiencias de éxito e innovadoras ou abordar, da man das propias profesionais, propostas de mellora da sustentabilidade económica e ambiental da actividade marisqueira.
Alerta