
15 octubre, 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación definitiva de admitidos e excluídos e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025, do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de médico de familia de atención primaria e facultativo especialista de atención primaria.
Este é o oitavo ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, o que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e, en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.
Participan un total de 320 profesionais nestas dúas categorías de persoal estatutario sanitario, adxudicándose provisionalmente 166 destinos, o que supón unha porcentaxe de preto do 52 % sobre o total de admitidos.
Na categoría de médico de familia hai 285 admitidos, dos cales resultaron adxudicatarios 142 profesionais; mentres que na categoría de facultativo especialista de atención primaria participaron 35 profesionais, resultando 24 adxudicatarios, cunha porcentaxe de adxudicación sobre o total de persoas admitidas dun 69 %.
Do total de profesionais que acadan destino neste concurso, 104 obteñen un dos tres primeiros destinos solicitados, o que supón unha porcentaxe do 66,65 %; e 65 destes profesionais obteñen o primeiro destino solicitado neste ciclo, o que supón unha porcentaxe do 62,5 % de profesionais.
Do total de admitidos, os catro profesionais que proceden de fóra de Galicia resultan adxudicatarios de praza neste concurso de traslados.
As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais asignados, de ser o caso, están publicadas, á disposición dos interesados, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Os concursantes admitidos dispoñen dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.
As reclamacións presentadas entenderanse rexeitadas ou admitidas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolva definitivamente o concurso de traslados.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: concurso.traslados@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.
Alerta