18 marzo, 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou hoxe na entrega de cinco desfibriladores semiautomáticos (DESA) ás Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino da Garda Civil. Búscase así mellorar a capacidade de resposta ante unha emerxencia sanitaria e reforzar a seguridade dos milleiros de persoas que peregrinan cada ano cara a Compostela.
Segundo sinalou o conselleiro, a iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por dotar os servizos de emerxencias e os corpos e forzas de seguridade de recursos que faciliten o desenvolvemento do seu labor de prevención e asistencia coa máxima eficacia. Nesta liña lembrou que nos últimos anos se entregaron preto de 300 desfibriladores a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, cun valor aproximado de 340.000 euros, e que a Academia Galega de Seguridade Pública imparte cada ano numerosos cursos para formar os efectivos de emerxencias e de seguridade no seu funcionamento.
Diego Calvo referiuse tamén á instalación de desfibriladores en edificios xudiciais, nunha iniciativa coa que se están a dotar estas instalacións de case medio cento de unidades, entre os xa entregados e os previstos ata 2026, cun investimento de 80.000 euros. Trátase así de garantir unha atención áxil ante unha parada cardiorrespiratoria en distintas instalacións e ámbitos cunha elevada afluencia de persoas, como é o caso dos xulgados ou os albergues de peregrinos e as rutas xacobeas.
O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou a unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maior parte son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos basicamente devolven o ritmo adecuado ao corazón.
Para o conselleiro, a entrega deste material representa un paso máis nas garantías de seguridade do Camiño de Santiago, unha ruta que conta con vixilancia tanto por parte da Garda Civil como da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), e cun Plan de Protección Civil de Atención ao Peregrino que se activa cada Ano Santo, ademais do habitual labor coordinado dos voluntarios de Protección Civil co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112-Galicia.
Diego Calvo incidiu en que Galicia está consolidada como un destino seguro, tamén nos máis de 1.500 quilómetros de itinerarios xacobeos recoñecidos en Galicia que cada ano atraen milleiros de peregrinos. De feito, “en 2024 volvéronse bater todas as marcas de peregrinos, acadando un novo récord de case medio millón de Compostelas entregadas, un 12% máis que en 2023”, apuntou.
Alerta