23 octubre, 2024
A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) mantiveron esta mañá na Consellería de Sanidade unha nova xuntanza da comisión mixta para o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das 13 unidades asistenciais de drogodependencias, de titularidade municipal.
Na xuntanza, convocada pola Consellería de Sanidade e dirixida pola secretaria xeral técnica deste departamento, Natalia Lobato, abordouse o cronograma de actuacións xa fixado na xuntanza desta comisión o pasado 1 de agosto.
Naquela ocasión, a Xunta e a FEGAMP chegaran ao acordo de constituír dúas ponencias técnicas co obxectivo de clarificar, por unha banda, os recursos humanos e, por outra banda, os medios materiais precisos para a integración destas unidades de drogodependencias municipais na administración autonómica.
As ponencias, compostas por catro membros cada unha delas, dous en representación da Administración autonómica e dous en representación da Administración Local, serán as encargadas de analizar a situación de cada unha das unidades e de elaborar o informe proposta dos medios humanos e materiais a traspasar, para a súa posterior análise e aprobación no seo da comisión mixta de traspaso.
A Xunta de Galicia xa deu a coñecer na reunión de agosto a relación de membros que en representación da administración autonómica integrarán estes grupos de traballo.
Na xuntanza desta mañá, a Consellería de Sanidade trasladou, unha vez máis, o seu compromiso para levar a cabo a integración destes dispositivos asistenciais na rede sanitaria pública de Galicia, amosando a súa total disposición para acadar tal obxectivo no menor tempo posible e destacando que se trata dun traballo que require do impulso e da participación colaborativa de ambas as administracións, a autonómica e a local.
Co obxectivo de avanzar nestes traballos, fixouse o 31 de outubro como nova data límite para a constitución dos grupos de traballo, á espera de coñecer os integrantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Nesta mesma reunión, a Consellería de Sanidade, atendendo a unha solicitude da FEGAMP, comprometeuse a remitir nos próximos días un protocolo co procedemento para a cobertura dos postos vacantes nestas unidades de forma transitoria, sempre que sexa posible e contando coa voluntariedade dos profesionais, en tanto non conclúa o procedemento de integración, para a cobertura dos postos vacantes nestas unidades.
Alerta