19 septiembre, 2024
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu na Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia: “Construíndo a Galicia do futuro, máis humana e mellor conectada”
A Xunta remite ao Concello de Vigo o informe favorable do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo.
Así o anunciou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na súa intervención na tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, baixo o lema “Construíndo a Galicia do futuro, máis humana e mellor conectada”.
Subliñou a importancia deste paso, pois o PXOM é o instrumento que dota de seguridade xurídica o desenvolvemento urbanístico da cidade.
Co informe favorable da Xunta, requisito imprescindible, agora correspóndelle ao Concello considerar as suxestións e sometelo á aprobación do Pleno.
Túnel de Elduayen
No eido das infraestruturas en Vigo, a conselleira tamén indicou que a Xunta vai colaborar na construción do túnel de Elduayen.
Concretou que o Goberno galego está disposto a participar na financiación deste túnel, tras solicitalo o rexedor esta mesma semana. Así, detallou que se introduciría unha partida para esta actuación nos Orzamentos para o ano 2025, se o Concello tamén o fai.
Precisou que se destinará a esta intervención en Vigo a mesma porcentaxe de financiamento que se dirixiu ao túnel do Parrote na Coruña.
Remarcou que a Xunta abordará este proxecto co Concello de Vigo na próxima reunión da Comisión de Infraestruturas entre ambas administracións. Vivenda No que se refire á vivenda, referiuse a Vigo como a cidade na que a Xunta está a desenvolver máis vivenda pública e na que hai máis inscritos no Rexistro Único de
Demandantes, 5.735 concretamente. Lembrou que tan só en Navia o Goberno galego prevé 1.600 vivendas protexidas e a Estratexia de desenvolvemento de solo residencial permitiría na área de Vigo a construción de 9.000 vivendas máis, 7.000 protexidas. Fixo fincapé no reto da Xunta de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000 vivendas.
Licitacións de obra pública A conselleira destacou que o departamento que dirixe continúa avanzando no impulso de actuacións no ámbito das estradas e da vivenda na comunidade autónoma. Neste sentido, subliñou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten actualmente licitacións en curso por un importe que supera os 138M€. Este volume de contratación permitirá acometer proxectos estratéxicos como a recuperación da estrada AC-305 en Palmeira- Ribeira, o novo CEIP de Milladoiro ou a construción de 64 vivendas de promoción pública en Cambedo de Raia- Ourense, entre outros moitos.
Avanzou tamén licitación previstas para os próximos tres meses cunha mobilización dun investimento de máis de 109M€, que posibilitarán impulsar intervencións como, por exemplo, a VAC TUI-A Guarda, no treito Areas-PO-350, a construción de 70 vivendas de promoción pública na rúa Paulo Fabio Máximo Lugo e outras 76 noutra parcela desta contorna. Salientou que para avanzar nestas actuacións en materia de vivenda e infraestruturas é fundamental a colaboración das administracións, pero tamén do sector da construción, máis concretamente de enxeñeiros, arquitectos, promotores ou técnicos.
Alerta