2 septiembre, 2024
― Nesta semana intervirase no ramal AG-57N en Nigrán, continuando a campaña de mellora de firmes na autoestrada AG-57 Vigo-Baiona
― Durante a execución destes traballos permanecerá habilitado un carril alternativo para a circulación do tráfico
― A campaña conta cun orzamento estimado de 250.000 euros e enmárcase nos traballos de conservación que forman parte do contrato da Xunta coa concesionaria
Dende a Consellería de Vivenda, e Planificación de Infraestruturas da Xunta se retomarán mañá as obras de reforzo do firme na autoestrada autonómica AG-57, Vigo-Baiona, en concreto no ramal de Nigrán, AG-57N.
Estas obras forman parte da campaña de conservación e mellora de firme nesta autoestrada autonómica do Val Miñor, iniciada o pasado mes de xullo e que quedou suspendida no mes de agosto para non entorpecer a mobilidade estival. O obxectivo destas actuacións é garantir a calidade, seguridade e durabilidade do pavimento.
As intervencións, sempre que a meteoroloxía o permita, desenvolveranse o martes 3, mércores 4 e xoves 5, en horario de 8:00 a 22:00, e o venres 6 de 8:00 a 13:00 horas.
En concreto, mañá martes e o mércores, actuarase entre as rotondas de Porto do Molle e a da conexión coa PO-552, mentres que o xoves e venres está previsto intervir entre a rotonda de Porto do Molle e o enlace de Gondomar.
Todos estes traballos realizaranse en ambos os sentidos do ramal e ambos carrís alternativamente co obxectivo de non entorpecer o tráfico.
Traballos
Nestas obras de mellora de firme da autoestrada combínanse varios tipos de traballos para conseguir un resultado axeitado.
Por un lado, realízase un estendido de mesturas bituminosas en frío en distintos tramos da AG-57N, para a rehabilitación superficial e mellora da durabilidade.
Ademais, acométense tamén traballos de rehabilitación estrutural, que son de tipo fresado e se executan en base aos resultados das inspeccións realizadas sobre o estado do firme.
Por outra banda, execútase o selado de gretas, establecendo unha ponte estanca entre os seus bordos máis unha cobertura de árido fino en distintas localizacións ao longo da autoestrada.
A campaña, que conta cun orzamento estimado de 250.000 euros, enmárcase nos traballos de conservación e mellora do firme que forman parte do contrato da Xunta coa concesionaria. Esta intervención permitirán a mellora das características superficiais en 17.150 m 2 , na AG-57, e actuacións de mellora estrutural en 9.262,8 m 2 .
Alerta