16 enero, 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mantivo unha reunión con usuarios da AP-9
― Co aprobación das novas bonificacións por parte do Ministerio, cuxo coste supera os 81M€, M. Allegue considera que se abre un novo escenario e invita ao Goberno central a considerar o rescate da AP-9
― A Xunta enviará unha carta ao ministro Óscar Puente para que escoite as demandas dos usuarios deste viario e rectifique ante unha suba das peaxes na autoestrada, sen precedentes
― Remarcou que realizar todo o traxecto da AP-9 pasou de 25,5€ a 26,85€ e no tramo entre Vigo e A Coruña subiu de 19,40 a 20,45€, un 5,41% máis, uns incrementos que prexudican a competitividade económica na comunidade
― Exixiu ao Goberno “respecto e seriedade” porque ademais da suba das peaxes na AP-9, os galegos seguen sen saber cando se aplicarán as bonificacións na AP-53, entre Santiago de Compostela e Lalín, que ata agora non conta con ningún desconto
A Xunta solicitará ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que estude a oportunidade do rescate da autoestrada estatal AP-9, tras coñecerse a contía das bonificacións aprobadas polo Goberno central, “o que cambia considerablemente o escenario, ao elevalas a máis de 81M€”.
Así o salientou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, tras manter un encontro con usuarios da AP-9. Nesta reunión tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.
Á xuntanza asistiron representantes de oito colectivos dos sectores do transporte de mercadorías, transporte de viaxeiros, autónomos e empresarios, que amosaron a súa preocupación pola suba “desmesurada” das novas tarifas da AP-9 para este 2025.
Allegue subliñou a este respecto que a Xunta enviará unha carta ao ministro Óscar Puente para que atenda as demandas de Galicia e estude a oportunidade do rescate da principal vía de vertebración da comunidade.
Recordou que a Xunta remitiu en setembro ao Ministerio de Transporte o estudo sobre o custe da transferencia e do rescate da AP 9, que conlevaría tamén a gratuidade do viario.
Precisou que a situación hoxe é diferente porque aquel informe “partía dun custo de bonificacións para o ano 2025 de 56,3M€ e o Ministerio elévao a máis de 81M€”.
Neste sentido, con estas novas cifras, o custo da indemnización por rescate aplicando unha taxa de desconto (2.331 M€) e o custo das bonificacións ata final de concesión, aseméllanse de xeito considerable, polo que o Ministerio debe reflexionar acerca da oportunidade de levar a cabo o rescate da concesión.
Remarcou que realizar todo o traxecto da AP-9 pasou de 25,5€ a 26,85€, un aumento polo tanto de 1,35 euros. Concretou que, por exemplo, a tarifa da viaxe entre Vigo e A Coruña subiu de 19,40 a 20,45€, un 5,41% máis.
Destacou que estes incrementos nas peaxes están a repercutir na competitividade das empresas, tal como tamén sinalaron os usuarios do viario.
Lamentou que a AP-9 conte coas peaxes máis caras de todo o territorio nacional, existindo “un evidente agravio comparativo que a Xunta vén denunciando dende hai tempo, fronte ao silencio dun Ministerio que ignora ás demandas desta comunidade”.
A conselleira exixiu ao Goberno “respecto e seriedade”, porque ademais da suba das peaxes na AP-9, os galegos seguen sen saber cando se aplicarán as bonificacións anunciadas para os usuarios frecuentes da AP-53, entre Santiago de Compostela e Lalín, que ata agora non conta con ningún desconto.
No encontro celebrado hoxe estiveron representados a Confederación de Empresarios de Galicia, co seu presidente Juan Manuel Vieites; Fegatramer, con varios asistentes, entre eles os portavoces Ramón Alonso e José Carlos García; ademais de Agtamar-Upta; Apetamcor (Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Estrada de Galicia); Fegabús (Federación Galega de Servizos de Transportes en Autobús); Transgacar (Federación Galega de Asociación de Transporte de Viaxeiros en Autocar); Fegatravi (Federación Galega de Transporte de Viaxeiros)e Galibús (Asociación Empresarial de Transporte de Viaxeiros por Estrada de Galicia).
MADRID, 20/09/2024.-El jefe del Ejecutivo, Pedro Sánchez, recibe este viernes en la Moncloa al presidente de la Xunta de Galicia Alfonso Rueda, en el marco de la ronda de contactos con todas las autonomías anunciada tras pactar con ERC una 'financiación singular' para Cataluña., este viernes en el Pàlacio de La Moncloa.-EFE/ Zipi Aragón
Alerta