19 noviembre, 2024
A Xunta está traballando no reforzo educativo da nova Unidade de hospitalización infanto- xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo coa busca do perfil profesional máis axeitado para acompañar ao alumnado que fai uso deste servizo, así como a dotación dos medios necesarios para que poidan compatibilizar o seu tratamento nesta unidade coas clases, sempre tendo en conta as situacións e particularidades que se dan.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, explicou no Pleno do Parlamento que os departamentos de Educación e de Sanidade traballan en coordinación para deseñar a mellor atención nesta unidade. De feito, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, acompañada de persoal técnico, visitou en dúas ocasións a unidade nos últimos días co fin de avaliar, xunto ao equipo médico, a situación dos menores hospitalizados e analizar a mellor fórmula para reforzar a atención educativa tendo en conta as súas necesidades e circunstancias.
“A modalidade de atención debe ser flexible e axeitada a cada circunstancia”, subliñou o conselleiro, quen reiterou que todo o alumnado “vai recibir a atención educativa necesaria” e, ademais, esta “adecuarase a cada caso”. Tamén insistiu no “absoluto compromiso” co coidado e o benestar de todos os rapaces que, pola razón que sexa, teñen que permanecer ingresados nesta unidade de recente creación.
Alerta