
28 agosto, 2025
O Concello de Mos organiza este domingo, 31 de agosto, en Costoias (Tameiga), a XXXV edición da Gran Festa dos Maiores, unha xornada de convivencia, homenaxe e diversión adicada ás persoas maiores do municipio.
A celebración, que reúne cada ano a unhas 700 persoas, comezará ás 12.00 horas coa misa cantada pola Coral O Son dos Cantares, que dará paso á actuación da Banda de Música de Torroso. A continuación, terá lugar o tradicional xantar popular, no que a veciñanza compartirá mesa e conversa. Un ano máis, as racións de callos que se servirán no xantar serán doadas por Coren, en mostra da súa colaboración coa festa. A organización contará tamén coa participación da Asociación Cultural San Martín de Tameiga, que colabora activamente na celebración desta data tan especial.
Un dos momentos máis emotivos da xornada será, xa pola tarde, a homenaxe e entrega de detalles aos matrimonios que celebran as súas vodas de ouro. Os matrimonios homenaxeados nesta edición son 50, dos que dous son de Guizán, tres de Petelos, cinco de Torroso, nove de Mos, tres de Dornelas, sete de Pereiras, oito de Tameiga, catro de Sanguiñeda, catro de Louredo e cinco de Cela.
A tarde continuará con animación musical e baile, poñendo o broche de ouro a unha festa que, edición tras edición, mantén viva a tradición de agradecer, coidar e celebrar o papel fundamental das persoas maiores na vida social, cultural e familiar de Mos.
As concellerías de Política Social e Participación Cidadá do Concello de Mos levan dende 1990 organizando esta festa adicada ás persoas maiores. Trátase dunha data moi importante en Mos, xa que forma parte da nosa historia e cultura, sendo unha celebración moi agardada pola veciñanza e que cada ano suma máis participación.
Alerta