Abel Caballero esixe á Xunta protocolos adaptados á “nova normalidade”

Compartir
Abel Caballero entrevistouse este luns cos responsables de Aexidega. Fonte: Concello

O Alcalde demandou á Xunta de Galicia que amolde a normativa Covid á actual situación sanitaria, que en Vigo roza os rangos da chamada “nova normalidade”. Así, require regulamentos distintos no transporte urbano, na hostalería, no deporte non federado e tamén nos centros deportivos. Precisamente Caballero reuniuse este luns con responsables da Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia.

 

Vigo conta a día de hoxe cunha incidencia acumulada a catorce días de 29 casos por cada cen mil habitantes, moi preto xa dos 25 que marca a entrada da cidade no estado da “nova normalidade”. Para Caballero, a evolución da Covid vai “na senda razoable, estamos por debaixo da media de España e se ten que ir producindo a entrada na ‘nova normalidade’”.

En primeiro lugar, o Alcalde considera “imprescindible” que a Xunta de Galicia “altere os niveis de ocupación” permitidos nos autobuses urbanos e os equipare aos aplicados no transporte interurbano. Este último, de competencia autonómica, permite o 100% de aforo mentres que o urbano continúa cun máximo dun terzo do espazo dispoñible para os cidadáns que viaxan de pé.

Ademais, Abel Caballero referiuse ao requirimento de Aexidega, a Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia, con cuxos dirixentes se reuniu este luns. A este respecto, o Alcalde manifestou que a entidade precisa dun protocolo específico “para darlle viabilidade económica, coas cautelas sanitarias” correspondentes.

“É imprescindible que a Xunta de Galicia empece a ver a ‘nova normalidade’ e deixe de fustrigar a sectores económicos como o transporte urbano, a hostalería, os xestores de instalacións deportivas ou o deporte federado, e que aplique a mesma regulamentación para todos”, asegurou Caballero, quen recordou que o Goberno que dirixe vén de ampliar o horario de funcionamento das terrazas ata a 1 horas durante os días de celebración da feira Conxemar en Vigo.