Aberto o prazo de inscrición para a estrea de ‘Depo_auga’ que arranca o 8 de agosto no río Deva, no concello da Cañiza

Compartir

A actividade combina o paddle surf e o kayak e dispón de 104 prazas que as persoas interesadas poden reservar desde hoxe na web da Deputación

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir a inscrición para a primeira das actividades do DepoAuga, a principal novidade da súa programación deportiva na natureza para este verán, consistente nunha ruta guiada polos ríos o praias da provincia nunha táboa de paddle surf ou nun kayak. A primeira sesión terá lugar o 8 de agosto polo río Deva, no concello da Cañiza, e hai un total de 104 prazas, 56 en kayak e 48 en paddle surf, que se distribuirán nun total de catro quendas (14 persoas no caso do kayak e 12 no paddle surf en cada unha delas).

Ambas modalidades contan cada vez máis con maior número de afeccionados e son unha das formas máis divertidas de coñecer e sentir o deporte na natureza. DepoAuga está dirixido ás persoas amantes dos deportes da natureza e aventura e poderán participar nestas travesías guiadas de aproximadamente unha hora e media de duración grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores (mínimo 12 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor. As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa, apuntarse nunha das catro quendas que se ofertan por día e entregaráselles todo o material necesario para as actividades.

As persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal). En caso de que se completen as prazas habilitarase unha lista de agarda (de ata un máximo de 50 persoas). Despois desta ruta polo río Deva, a seguinte excursión do programa DepoAuga terá lugar o 28 de agosto no río Miño ao seu paso polo concello das Neves. A apertura das inscricións terá lugar o 9 de agosto.