Aberto o prazo para participar no concurso de receitas de anguía e caña en Valga

Compartir

As propostas, acompañadas dunha fotografía do prato, teñen que enviarse por correo electrónico ata o día 22 de agosto

A gastronomía segue a ser a protagonista durante o mes de agosto en Valga, agora coa posta en marcha do I Concurso de receitas de anguía e caña, que dende hoxe e ata o 22 de agosto ten aberto o prazo para participar.

O certame, que se desenvolve no marco da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País ten como obxectivo dar a coñecer a ampla variedade de posibilidades culinarias que ofrecen estes dous produtos. Os participantes deben presentar unha receita de cociña na que o ingrediente principal sexa a anguía ou a augardente e enviala ao correo electrónico valga.gastronomica@gmail.com acompañada dunha fotografía de calidade do prato finalizado.

A receita debe ir explicada especificando a seguinte información:

–          Modalidade (tapa, prato principal ou sobremesa)

–          Nome ou título da receita

–          Número de racións

–          Ingredientes, detallando as cantidades a empregar

–          Pasos a seguir para a elaboración do prato

As propostas presentadas ao concurso serán publicadas nas redes sociais (Facebook e Instagram) e, unha vez rematado o prazo enviaranse ao xurado para a súa valoración. O tribunal estará formado por cociñeiros, representantes municipais e persoas vencelladas a Valga, que atenderán a criterios de creatividade e calidade técnica para elixir a receita gañadora. Outorgarase un premio único consistente nun lote de produtos galegos valorado en 100 euros.

O vencedor darase a coñecer o día 28 de agosto tanto nas redes sociais coma nos actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.