9 septiembre, 2024
No Pleno municipal de hoxe foi o debate sobre a creación dunha Comisión Especial para investigar o sucedido no tráxico accidente producido nunha atracción de feira nas festas de Matamá o pasado 3 de agosto, petición que contou co voto a prol do BNG.
Após a intervención realizada pola concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, o portavoz municipal do BNG esixiu o seu cesamento. “É indecente
que após 38 días de silencio, de opacidade e de comunicados que só pretendían escorrer o vulto, a concelleira non dese resposta a ningunha das preguntas que se formularon no Pleno nin asumise ningunha responsabilidade”, afirmou. Aliás, considerou “infame” que a concelleira se atrevese a cualificar de “carroñeiro” o feito de que se lle esixiran explicacións sobre a actuación municipal diante dun accidente que custou a vida dun veciño de 36 anos.
Desde o BNG denuncian que, máis dun mes despois, o Goberno municipal inda non lle facilitou toda a información e documentación solicitada, nomeadamente os partes e informes das intervencións da Policía Local e do servizo de bombeiros. Aliás, criticaron que inda non se dese a máis mínima explicación sobre cal foi a razón pola que non se ordenou o precinto ou a desmontaxe da atracción accidentada toda vez non contaba coa autorización municipal para funcionar.
Igrexas considera que “despois de constatada a absoluta incapacidade e o desprezo da concelleira ao Pleno e, o que é máis grave, á familia da vítima, á veciñanza de Matamá e ao conxunto das viguesas e vigueses”, Rodríguez Calviño non “pode permanecer no seu cargo”. “Se lle queda un mínimo de dignidade debería dimitir hoxe mesmo e se non o fai debera ser cesada polo alcalde”, esixiu.
Alerta