Acordo entre a Xunta e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia

Compartir
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa, do incremento da capacidade diagnóstica que terá a comunidade galega, tras aprobarse a venda de autotest nas oficinas de farmacia e asinarse un acordo entre a Xunta e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde.
O titular de Sanidade anunciou tamén que este acordo permitirá que as farmacias expidan documentos acreditativos de resultado negativo cando a toma da mostra se faga na propia oficina, e baixo o asesoramento do persoal farmacéutico. Estes documentos, serán expedidos de balde, e terán validez para seren presentados naquelas actividades restrinxidas dentro da comunidade galega que requiren acreditar un resultado negativo de proba diagnóstica para o seu acceso.
No caso de que se opte por realizar as probas noutro lugar distinto ás oficinas de farmacia, o documento non terá validez ao non poderse acreditar nin a identidade da persoas, nin o procedemento da toma de mostra. Con todo, as persoas que realicen un test no seu domicilio, ou noutro lugar, terán habilitado un circuíto directo a través do teléfono 900 400 116, no que se poderá poñer en coñecemento un resultado positivo, para incorporar os datos aos rexistros do sistema público de saúde. Deste xeito, solicitarase directamente a realización da pertinente proba PCR ou a atención sanitaria no caso de presentar síntomas. Así, evítase a necesidade de chamar ou acudir aos centros de saúde para solicitar a realización desta proba.
O presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, Alejandro Sánchez, detallou o novo procedemento no que os profesionais de farmacia, tras comprobar a identidade da persoa usuaria e asinar un consentimento informado, verificarán a correcta toma da mostra para, posteriormente, procesala, e introducir os resultados no rexistro informático da Consellería de Sanidade.