
9 octubre, 2025
Clausura del Programa Xuventude Mentoring na Empresa 2025 que se celebró hoy jueves 9 de octubre en el Vivero PEMOS (Polígono Industrial da Veigadaña) en colaboración con la Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
A sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) en PEMOS, acolleu esta mañá o acto de clausura do programa Xuventude Mentoring na Empresa 2025, unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Lingua Xuventude da Xunta de Galicia e xestionada por AEMOS, cofinanciada pola Unión Europea, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da mocidade galega mediante estadías formativas en empresas locais.
O acto institucional contou coa intervención da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, quen presidiu o evento en representación do Goberno autonómico. Estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polo presidente de AEMOS, Manuel Castro, anfitrión da xornada. As autoridades destacaron o impacto positivo do programa tanto na mocidade participante como no tecido empresarial da comarca, subliñando a importancia da colaboración público-privada para fomentar o talento local.
Durante a xornada, os asistentes puideron coñecer de primeira man os testemuños de mozos e mozas que completaron as súas estadías formativas, así como dos mentores empresariais que os acompañaron no proceso. Tamén se proxectou un vídeo resumo do programa e realizouse unha foto grupal con todos os participantes e entidades colaboradoras.
O programa Xuventude Mentoring na Empresa 2025 ofreceu estadías formativas remuneradas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, en empresas de sectores estratéxicos da comarca. Esta remuneración permitiu que os participantes se integrasen plenamente nos equipos de traballo das empresas de acollida, asumindo responsabilidades reais e contribuíndo activamente ao desenvolvemento das tarefas profesionais. Tras contactar con máis de 80 empresas, finalmente 10 foron as seleccionadas e 12 participantes completaron con éxito a súa estadía, acadando moitos unha inserción laboral.
As empresas colaboradoras pertencen a sectores clave da economía galega, como:
•Metal mecánico: Tecnomicra Mecanizados SL, Rodicut SL, Mecanizados y Oxicortes SL
•Agroalimentación: JM Distribucións
•Automoción: Grupo Copo, Bagunda Motor
•Tecnoloxías da información e comunicación: Folerpa
•Calidade de vida e benestar: Down Vigo Asociación Síndrome de Down, Santervas Parcero José Manuel
•Sector madeira/forestal: Activa Emprega EI
AEMOS reafirma, unha vez máis, o seu compromiso coa integración sociolaboral da mocidade, especialmente daqueles colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. Para iso, contou coa colaboración de dúas entidades do terceiro sector de referencia: ASTEAVI e Down Vigo, cuxo labor foi fundamental para garantir unha participación inclusiva e enriquecedora no programa. Esta sinerxia entre o tecido empresarial e as entidades sociais exemplifica a importancia das colaboracións estratéxicas para construír unha comarca máis cohesionada e con oportunidades reais para todos.
Cómpre salientar que máis do 50% dos participantes nas dúas edicións desenvolvidas por AEMOS acadaron un contrato laboral nas empresas de acollida, evidenciando a relevancia desta iniciativa como recurso eficaz para a inserción laboral da mocidade. Esta conexión directa entre formación e emprego real reforza o valor do programa como ponte entre talento novo e tecido empresarial.
Alerta