Afundación e a Cidade da Cultura levan a Vigo a mostra ‘As miradas de Isaac’ para difundir a figura de Díaz Pardo

Compartir

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Xunta de Galicia levan a Vigo desde finais de setembro ata finais de novembro «As miradas de Isaac», un proxecto expositivo co que se procura difundir a figura de Díaz Pardo e que, nas súas exhibicións da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e na Sede Afundación A Coruña, foi visitada por máis de 30 000 persoas.

«As miradas de Isaac» é a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de poñer en valor o legado e as achegas á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, deron a coñecer hoxe s itinerancia para continuar en Vigo o programa de «As miradas de Isaac», nun acto ao que tamén asistiron os comisarios da mostra e fillos de Díaz Pardo, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e mais a coordinadora de Cultura de Afundación, M.ª Teresa Cores.

Anxo M. Lorenzo destacou que con esta exposición «a Xunta avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía galega contidos producidos na Cidade da Cultura, impulsando un plan de itinerancias das súas exposicións e traballando para que o Gaiás opere como unha factoría de proxectos culturais que circulen por outros espazos da Comunidade».

Pola súa banda, o director xerente de Afundación, salientou que «con esta exposición, transcéndese o mero feito expositivo, dada a diversidade e multitude de elementos amosados e o carácter itinerante da iniciativa nas sedes de Afundación. Díaz Pardo é un símbolo de quen tivemos o privilexio de aprender na nosa entidade en mostras e publicacións que nos enriqueceron a cada paso. Para nós é un privilexio acollermos na nosa Sede Afundación de Vigo “As miradas de Isaac” e contribuírmos, coa nosa participación neste proxecto, á difusión do coñecemento dunha figura esencial para o noso patrimonio cultural».

DEZ SECCIÓNS, 500 PEZAS E UNHA VIDEOCREACIÓN
«As miradas de Isaac» contará en Vigo cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais coa pretensión de reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega do século pasado.

A mostra mantén a estrutura en dez seccións, a través das que afonda en todo o seu periplo vital e profesional. Así na exposición en Vigo quedará reflectida a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade en Compostela; e a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións.

Do mesmo xeito, a mostra tamén se centra no contacto de Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia; e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto Galego de Información. O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente enxalza o recuperador –con Luís Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

A exposición en Vigo tamén incorpora como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. Esta peza audiovisual, realizada en colaboración co realizador Jordi Cussó, está creada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro co intelectual e artista, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista, e coa que se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.