Afundación e ABANCA entregan durante as vacacións máis de 40000 menús a escolares de familias vulnerables

Compartir

Afundación e ABANCA puxeron en marcha en xullo e ata a vindeira semana o programa «Cubertos», en colaboración con concellos e entidades sociais. A través del, estanse proporcionando 44 000 menús saudables, 1000 diarios, a menores en risco de pobreza ou exclusión social das sete principais cidades galegas durante as vacacións escolares. O obxectivo de «Cubertos» é apoiar as familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen as bolsas comedor. Esta é a terceira edición dun programa iniciado no verán de 2020 e continuado durante as vacacións de Nadal, recoñecido polos premios CECA de nivel estatal na categoría de Acción Social.

«Cubertos» desenvólvese nos meses de xullo e agosto na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. En palabras do Presidente de Afundación e Director Xeral de Responsabilidade Social e Sustentabilidade de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, «A pandemia da COVID-19, que sacudiu a humanidade completa, puxo de relevo a importancia vital do concepto de confraternidade, de solidariedade, entendendo que vivir é sinónimo de axudar, de coidar e de estar en relación cos nosos semellantes. Esta é a esencia do programa «Cubertos», no que resulta imprescindible o labor dos 100 membros do equipo da Obra Social de ABANCA e os 120 voluntarios e voluntarias tanto de ABANCA como de Afundación que velan polo seu correcto funcionamento, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo ás familias». Así mesmo, hai habilitados un total de 15 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias, con localizacións acomodadas ás súas necesidades.
Os menús prepáranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición ( AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais. Ademais, na súa elaboración aténdense as necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.
ABANCA e Afundación impulsan este programa dentro do seu compromiso coas persoas máis vulnerables, conscientes do impacto económico que continúa provocando o coronavirus, máis alá da súa grave repercusión sanitaria. Ambas as entidades secundan o obxectivo común das administracións e entidades de iniciativa social de mobilizar a solidariedade cidadá e das empresas, fomentando ademais o voluntariado e a responsabilidade compartida na construción dunha sociedade máis xusta e cohesiva.