– Inaugurarase mañá mércores 2 de agosto, ás 12.00 h, no Paseo Marítimo de Moaña, en fronte ao porto deportivo
– A mostra enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello de Moaña
O Paseo Marítimo de Moaña acollerá mañá mércores 2 de agosto, ás 12.00 h, a inauguración da exposición «Os nosos océanos», un proxecto fotográfico desenvolvido en colaboración coa Editorial Planeta e baixo o comisariado de Joaquín Araújo, experto en medio ambiente e reputado ecoloxista. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Moaña, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas coa presenza da alcaldesa do Concello de Moaña, Leticia Santos; o concelleiro de Cultura do Concello de Moaña, Daniel Costas; a concelleira de Turismo e Promoción Económica do Concello de Moaña, Coral Ríos; o director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez; o director de zona Vigo Norte de ABANCA, Víctor Manuel Vázquez; o director da oficina de ABANCA de Moaña, Amable González; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.
A exposición «Os nosos océanos» poderase visitar no Paseo Marítimo de Moaña, a pé de rúa, ata o vindeiro 31 de agosto. Presenta as imaxes máis espectaculares da biodiversidade mariña, porque todo o que coñecemos como vida non só procede dos océanos, senón que segue dependendo deles. Con esta exposición, Afundación Obra Social ABANCA sae á rúa cunha achega cultural de primeira orde que xunta mensaxe, beleza, transcendencia e emoción.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.