26 agosto, 2021
Esta última fin de semana do mes achega concertos, roteiros pola Natureza, deporte e un taller creativo repartidos por 11 concellos da provincia
O mes de agosto péchase cun novo impulso á cultura e ao deporte na provincia da man da Deputación. Esta fin de semana chega con 12 accións programadas por un total de 11 concellos. Os concellos de Baiona, Cerdedo-Cotobade, Salvaterra de Miño, A Guarda, Soutomaior, Vilagarcía de Arousa, Bueu, As Neves, Pontevedra, Cangas e Soutomaior son os protagonistas dunhas actividades nas que hai concertos, roteiros e deporte.
Este xoves, día 26, a programación cultural de “Tras as Ameas”, que achega de xeito presencial o patrimonio dos castelos de Sobroso e Soutomaior, ofrece ás 18.00 un taller creativo de arquitectura e natureza no que se fará un percorrido pola senda botánica do castelo de Soutomaior. As persoas asistentes reinterpretarán de forma creativa o plano da situación da fortaleza para dar lugar a un novo mapa personalizado.
O venres, 27, iniciarase ás 10.00 en Bueu cunha ruta enmarcada no programa do ente provincial “Bosques Terapéuticos”. A ruta do cabo Udra percorrerá gran parte da costa do Morrazo, visitando espazos naturais pertencentes á Rede Natura 2000 que contan con paisaxes únicas de valor natural e histórico. Pola noite, ás 21.00, “Musigal” amenizará a noite no concello de Baiona coa actuación de Baiuca.
O sábado 28 comezará ás 10.00 con outra ruta de “Bosques terapéuticos” en Pontevedra. O itinerario dos Salóns do Lérez, unha ruta de 2,5 quilómetros de dificultade baixa, consistirá nunha actividade integral e participativa na que se visitarán tamén os coutos pesqueiros do Lérez e algúns afluentes como o Almofrei. No mesmo senso, esta vez encadrada en “Depoauga”, terá lugar unha ruta en kayak polo río Miño na que participaran un total de 56 persoas distribuídas en catro quendas (ás 11.00, 12.30, 17.00 e 18.30 horas). E, para rematar o día, “Musigal” ofrece unha interesante oferta musical cos concertos de Óscar Ibáñez & Tribo ás 20.00 en Cerdedo-Cotobade; Guadi Galego ás 21.30 na Guarda e Susana Seivane ás 22.30 en Salvaterra de Miño.
Finalmente, o domingo, 29, ás 9.30 celebrarase en Cangas a primeira das “Deporutas BTT” deste ano. Discorrerá polo privilexiado entorno natural de Cangas do Morrazo, na Costa da Vela. A ruta percorrerá un unha distancia total de 30 quilómetros que abranguen sendeiros a pé de mar polas praias de Liméns e Nerga e as cobizadas vistas da ría de Vigo e as illas Cíes desde Cabo Home. Ás 10.00 en Pontevedra, a última ruta de “Bosques Terapéuticos” da semana, que terá lugar na Senda do Río Almofrei, un sendeiro de 2,3 quilómetros no que se visitarán a súa ponte, pozas e diversas infraestruturas etnográficas doutras épocas. Por último, “Musigal” pecha a semana coas actuacións de Susana Seivane en Soutomaior ás 20.30 e Roi Casal en Vilanova de Arousa ás 22.00.
Alerta